O BNG denuncia que o goberno do PP na Deputación non avanza cara “outra dirección” co Departamento de Memoria Histórica, “senón unicamente cara a inacción”
Pontevedra, 31 de xullo de 2025. A deputada do BNG María Ortega denunciou que o actual goberno da Deputación “unicamente camiña cara a inacción” co seu departamento de Memoria Histórica. Así o manifestou a anterior responsable da área no goberno provincial bipartito, poñendo en cuestión a afirmación do actual presidente Luís López, quen en declaracións públicas con motivo da metade de mandato subliñou que “coa memoria histórica séguense facendo cousas, pero con outra dirección”.
Ortega foi contundente e cuestionou a afirmación de López lembrando que nos dous anos que van de goberno o Partido Popular unicamente se organizou un só acto relativo a Memoria Histórica. “Falan dunha dirección diferente, dunha nova orientación, pero en dous anos apenas organizaron un só acto. Se iso é unha dirección distinta, claramente é unha dirección cara á nada”, sostivo a deputada do Bloque.
Desde a bancada nacionalista subliñaron que non se trata dun cambio de rumbo, senón dunha completa parálise disfrazada de estratexia. Denuncian que o departamento, con persoal asignado, debería promover iniciativas, mais hoxe atópase “totalmente desactivado, salvo por declaracións políticas e aparicións en actos externos como o vindeiro Día de Galiza Mártir en Poio –só para a foto- que tentan maquillar a falta de xestión con frases baleiras”.
“A única innovación do Goberno neste caso é a arte de anunciar sen facer. Chaman 'outra dirección' ao que en realidade é abandono. Cero actividades, cero planificación, cero contacto coas asociacións memorialistas. O único constante é a nada”, ironiza Ortega.
A deputada formulou no Pleno dúas preguntas para poñer en evidencia a situación e que o presidente dese explicacións: “Cal é a nova dirección das actividades de Memoria Histórica do actual goberno provincial? Cales son esas actividades organizadas polo goberno provincial nos dous anos de goberno do PP?”. Nin o presidente nin o vicepresidente Rafael Domínguez, responsable político da área de Memoria, respostaron á nacionalista.