O BNG demanda no Parlamento a suspensión da avalancha de 11 parques eólicos previstos en Terra de Montes
12 de xuño de 2021. O BNG rexistrou no parlamento unha batería de iniciativas sobre os 11 parques eólicos previstos nos concellos da Terra de Montes, no que constitúe unha avalancha de proxectos industriais que literalmente cercan o territorio e terán graves consecuencias na calidade de vida, no patrimonio e nas actividades económicas residenciais.
Segundo afirmou o deputado nacionalista Luís Bará, “unha das características da nova fase de desenvolvemento eólico, iniciada a partir do ano 2019 , é o intento de acaparamento de terras de alto valor ambiental, social e agrogandeiro, como está a ocorrer nas comarcas de Ordes, Xallas, Deza ou Tabeiros-Montes. Aos efectos negativos no patrimonio natural e cultural, engádese nestes casos unha forte afectación a actividades económicas esenciais e a usos residenciais, polo emprazamento dos parques nas inmediacións de granxas e de zonas habitadas”.
O deputado nacionalista Luís Bará presentou unha batería de iniciativas parlamentares sobre a avalancha de parques eólicos en tramitación nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Forcarei e A Estrada, que poñen en risco iniciativas singulares da comarca de Terra de Montes como a Rapa das Bestas, festa declarada de Interese Internacional, ou o Observatorio Astronómico de Forcarei
Un dos exemplos máis claros desta intensificación, avalancha, presión e intento de ocupación masiva de terras témola na Terra de Montes no ámbito dos concellos de Forcarei, A Estrada e Cerdedo-Cotobade, no que están en diferentes fases de tramitación 11 parques eólicos (que se suman aos 254 muiños xa instalados principalmente nas serras do Candán e do Cando, incluídas na Rede Natura e ameazadas por futuros proxectos de repotenciación.
Os 11 parques en tramitación comparten infraestrutiuras, subestacións e liñas eléctricas de evacuación, polo que estamos diante dunha fraude de lei de fragmentación dun megaparque en proxectos máis pequenos.
Os parques previstos nesta altura son Rosa dos Ventos (A Estrada, Cerdedo, Campo Lameiro e Cuntis), Touriñán II-2 (A Estrada, Cerdedo, Campo Lameiro e Cuntis), Outeiro Grande (A Estrada e Forcarei), Monte Festeiros (Silleda e Forcarei), Pedra Longa (A Estrada, Forcarei e Cerdedo), Cabanelas (A Estrada e Forcarei), As Penizas (Cerdedo e Forcarei), Tramontana (Silleda e Forcarei) e Sirocco (Cerdedo-Cotobade, parroquias de Corredoira, Carballedo, San Xurxo e Santaq María de Sacos). Os dous últimos, Tramontana e Sirocco sond e tramitación estatal por superar os 50MW de potencia
O BNG solicita que se faga unha avaliación conxunta do impacto dos 11 parques e das infraestruturas asociadas, que se analice a incidencia na rede hídrica e nos augas superficiais e subterráneas, e que se estude o impacto económico no valor das terras, nos usos residenciais, no potencial turístico, no patrimonio natural e cultural e en actividades esenciais so sector agrogandeiro
A maiores destes parques eólicos, que suman 85 muiños e 341 MW, hai que ter en conta as inmensas afeccións das poligonais e os impactos doutras infraestruturas como as subestacións, as canalizacións, as psitas de acceso, as gavias, as explanacións da fase construtiva… así como as liñas eléctricas, que teñen unha forte afectación en zonas habitadas, como é o caso das seguintes liñas de alta tensión, concretamente a LAT PORTOVIDROS-CAMPO DAS ROSAS , a LAT TRAMONTANA- AS PENIZAS , e a LAT AS PENIZAS-BEARIZ
Ademais das afeccións ambientais, paisaxísticas, ao patrimonio cultural, sociais, económicas, algúns destes parques e infraestruturas asociadas poñen en risco proxectos singulares da comarca de Terra de Montes como a Rapa das Bestas, festa declarada de Interese Internacional, ou o Observatorio Astronómico de Forcarei.