O BNG de Caldas inicia unha recollida de sinaturas para manter a ambulancia medicalizada durante o verán

sinaturas Ambulancias Caldas
sinaturas Ambulancias Caldas
O BNG de Caldas inicia unha recollida de sinaturas para manter a ambulancia medicalizada durante o verán

Caldas, 9 de xuño de 2025. O BNG de Caldas iniciou na mañá hoxe unha nova campaña de recollida de sinaturas para que este verán a Xunta de Galiza, a través do 061, manteña a ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés –centro de referencia para o municipio caldense-, onde está con sede fixa o resto do ano. As nacionalistas desconfian de que, tal e como aconteceu anos anteriores, o goberno galego traslade o único vehículo de soporte vital avanzado existente a Sanxenxo e Ogrobe ante o aumento da súa poboación estival, deixando sen o servizo á comarca de Ulla-Umia.

Na recollida de sinaturas polo centro da vila estiveron o voceiro caldense do BNG, Manuel Fariña, a parlamentaria galega, Montse Prado, e a reponsábel comarcal do BNG, Ana Peralba, xunto a persoal técnico de ambulancias, e militancia do BNG.

Fariña explicou que, se Caldas queda sen ambulancia medicalizada, pódense producir situacións moi problemáticas en emerxencias con pacientes da zona. Subliña que os tempos medios de resposta desde Vilagarcía, onde está agora a ambulancia, a Caldas son oito minutos (15 a San Clemente ou Carracedo, pero só dous a Godos ou sete a Saiar), mentres que desde Sanxenxo, onde previsiblemente estará no verán, aumenta a 40 minutos.

O Bloque alerta de que o tempo de resposta da UVI móbil ante unha emerxencia na vila termal aumentará de 8 a 40 minutos se pasa a ter a súa base en Sanxenxo

“O tempo de resposta deste servizo poden marcar a diferenza entre un desenlace positivo ou un fatal. Diante dunha emerxencia o factor tempo e eficiencia é fundamental: nas paradas cardiorrespiratorias, ictus, politraumatismos... cada minuto de demora na atención agrava o prognóstico e a supervivencia”, subliña.

Prado, pola súa banda, anunciou que presentará unha iniciativa no Parlamento de Galiza para que o traslado da UVI móbil non se leve adiante, que a ambulancia quede en Rubiáns e se contrate outra especificamente para Sanxenxo e Ogrobe para os meses de xullo e agosto. “Entendemos que co aumento da súa poboación tanto Sanxenxo como O Grove precisan dunha ambulancia medicalizada, pero non pode ser a costa do resto dá poboación. Retirando a do Hospital auméntanse de forma considerable os tempos de resposta. Hai accidentes que non se poden evitar, pero si se pode evitar a falta de recursos”, declarou Prado.

Sinaturas ambulancias Caldas
Recollida de sinaturas ambulancias Caldas

O persoal técnico das ambulancias, ademais, subliñou que o traslado da UVI móbil supón unha baixa na atención, xa que as ambulancias que o 061 oferta como alternativa non dispoñen nin do persoal específico de emerxencias nin de materiais e equipos para actuar en situacións de urxencia. Lembran que nas UVI móbiles hai equipos que nin sequera teñen os centros de saúde. Así mesmo, denuncian que o 061 está asignando traslados de doentes ingresados no Salnés a outros hospitais aínda que o traslado non sexa urxente.

É por iso que o BNG tamén reclama á Xunta que dote ás ambulancias soporte vital avanzado (SVA) con dous técnicos, e que se rectifique a decisión de utilizar a ambulancia medicalizada con base no Salnés para realizar traslados entre hospitais salvo casos excepcionais, xa que deixa descuberta á poboación da comarca durante horas.

O BNG de Caldas inicia unha recollida de sinaturas para manter a ambulancia medicalizada durante o verán