O BNG alega contra o proxecto eólico de Porto Vidros
Cerdedo-Cotobade, 20 de maio de 2021. O BNG vén de presentar alegacións contra o parque eólico Porto Vidros polos prexuizos que suporá para os intereses da veciñanza.
Na presentación das alegacións, o portavoz municipal, Ernesto Filgueira, estivo acompañado por veciñas e veciños das parroquias afectadas.
Compre lembrar que o proxecto consta de aeroxeradores de 163 m., 1 torre anemométrica, centro de seccionamento, pistas e liñas eléctricas, ademais dunha liña eléctrica aérea de 6'5 km. cruzando dende Pedre ata o monte de Quireza, a menos de 200 metros das casase afecta ás parroquias de Cerdedo (San Bernabé, Chamadoira e Limeres) Corredoira, Pedre, St. María de Sacos, San Isidro (Fornelos), Castro (Bugarín) e Quireza.
Nas alegacións o BNG pide o rexeitamento do estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Porto Vidros, sito nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, da provincia de Pontevedra (expediente IN408A 2017/14) e a súa retirada definitiva pola incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto.
Ademáis, cabe reiterar que a fragmentación en distintos proxectos sectoriais leva a que non se poda avaliar correctamente no seu conxunto todos os impactos ambientais (acumulados e sinérxicos) como consecuencia da construción de todas esas infraestructuras eólicas o que impide unha correcta información pública tanto á cidadanía como ás administracións locais.