A Biblioteca de Caldas acolle a exposición ‘Equilibristas’ de José Francisco Rodríguez Souto
Caldas, 10 de xullo de 2025. A Biblioteca Municipal de Caldas acollerá durante os meses de xullo e agosto a exposición 'Equilibristas' do artista local José Francisco Rodríguez Souto. A inauguración terá lugar mañá venres ás 12 do mediodía, e brindarase un viño galego para todas as persoas asistentes.
A mostra presenta unha colección de figuras de metal móbiles que desafían a gravidade, mantendo o equilibrio mentres se moven. Estas obras son un reflexo da creatividade e o enxeño do autor, orixinario do municipio de Barro, quen atopou en Caldas de Reis o seu fogar tras a súa xubilación.
O Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura, Manuel Fariña fixo unha chamada a visitar a mostra e subliñou que “é unha proposta chea de creatividade, que nos fala do equilibrio, do paso do tempo e das pequenas cousas que nos fan reflexionar”.
O nacionalista manifestouse orgulloso de apoiar desde o goberno local iniciativas que poñen en valor o talento local e converten a cultura nun motor que une á veciñanza: “É unha honra presentar esta exposición que non só resalta o talento dun artista local, senón que tamén salienta a nosa aposta pola orixinalidade e a dinamización cultural no noso municipio. Fomentar a obra de artistas que converteron a súa paixón no seu estilo de vida é fundamental para enriquecer a nosa contorna cultural e comunitaria”, dixo.
A exposición, que inclúe pezas de grandes e medianas dimensións, pode visitarse no horario de apertura da Biblioteca Municipal Martínez Ferro (de luns a venres de 9.00 a 14.00) totalmente de balde. Para máis información, pódese contactar co persoal da biblioteca no teléfono 986 53 06 04 ou no correo biblioteca@caldasdereis.com.