Barro presenta unha programación para pasar un Nadal por todo o alto e pensada para todos os públicos
Barro, 12 de decembro de 2024. O alcalde de Barro, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Cultura, Adrián Silva Magdalena, presentaron a programación deseñada polo goberno municipal para este Nadal en Barro, unha programación que destaca pola oferta variada de actividades para todos os públicos, pero que ten as nenas e nenos de Barro no epicentro, xa que son quen vive estas datas con maior entusiasmo e ilusión.
O Pazo da Crega volverá ser o eixo central do Nadal en Barro que, ademais da variada programación de actividades, volverá contar cunha ambientación e decoración que atrae cada ano a máis visitantes e na que un equipo de persoas voluntarias da localidade leva desde hai semanas traballando sen descanso.
As actividades inaugúranse o día 20 coa apertura das instalacións ao público e cun Papá Nöel que recibirá desde a súa pousada de Barro as cartas de todas as cativas e cativos de Barro e arredores.
Polo Pazo da Crega pasarán entre outros Galifunk, o Apalpador, Brais da Hortas, O Mago Antón, todos os grupos e colectivos locais, como son as corais, o Grupo de Danzas, as Pandereteiras de Peñaflor ou a Banda Xuvenil e tamén actuará Ibuprofeno Teatro co seu coñecido espectáculo Furancho, protagonizado por Isabel Risco e Marián Bañobre.
Da programación deste ano destacan os obradoiros infantís gratuítos de Nadal que se celebrarán nas mañás dos sábados e nos que as cativas e cativos poderán aprender, divertirse e relacionarse durante o período de vacacións.
Para despedir o ano, o día 31 haberá actividades para as cativas e cativos, coas badaladas miúdas, e xa na noite do día 1, para recibir o ano novo, haberá unha festa para os maiores.
A programación tamén acolle outras actividades de moito interese como o mercado de Nadal, os concertos na capela do Pazo ou o Acendido do Tizón de Nadal, unha actividade baseada nunha tradición secular do Nadal galego que tamén se celebrou en Barro durante séculos e que está practicamente desaparecida. Esta tradición consiste en acender un toro grande de madeira o día 24 e mantelo acceso ata o día de Reis e levarase a cabo na lareira do Pazo da Crega.
O peche do Nadal de Barro porase co recibimento dos Reis Magos de Oriente e coa Cabalgata ata a Nave da Música, onde se despedirá aos Reis con música, rosca e chocolate.
Abraldes considera que esta “é unha programación moi ampla e traballada con moito mimo, pensada para chegar a todos os públicos pero especialmente para que os máis cativos da casa o pasen ben nestas datas tan sinaladas para eles”.