Barro pon en marcha a 10 edición do Espazo Concilia, con máis de 100 participantes no mes de xullo
Barro, 1 de xullo de 2025. Este luns iniciouse unha nova edición do Espazo Concilia, a ludoteca de verán impulsada polo Concello de Barro que busca facilitar a conciliación das familias durante os meses de xullo e agosto. Trátase dunha iniciativa municipal plenamente consolidada como un recurso útil e necesario para a veciñanza.
O Espazo Concilia está dirixido a nenos e nenas de diferentes idades e combina o ocio, a aprendizaxe e a socialización nun ambiente seguro e enriquecedor. O programa ofrece unha alternativa de calidade ao tempo de lecer estival, fomentando valores como a creatividade, a convivencia e a autonomía persoal, ao tempo que contribúe a reducir o tempo que a rapazada pasa diante das pantallas durante as vacacións.
Neste mes de xullo participarán máis de 100 cativos e cativas, e todas as solicitudes presentadas foron atendidas, sen que quedase ningunha familia sen praza. A actividade desenvolverase ao longo de todo o verán, ofrecendo unha programación variada e adaptada ás diferentes idades.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, quixo poñer en valor o esforzo que realiza o Concello para apoiar ás familias: “Chegar á décima edición do Espazo Concilia en 10 anos demostra o compromiso continuado do Concello de Barro coa conciliación. Sabemos o que custa organizar o verán para moitas familias que traballan, e por iso queremos ofrecer unha alternativa segura, divertida e educativa para a rapazada, ao tempo que axudamos a aliviar esa carga que moitas veces recae sobre nais e pais.”
O Concello de Barro reafirma así o seu compromiso coas familias e co desenvolvemento integral da infancia, apostando por políticas públicas útiles que responden ás necesidades reais da veciñanza.
A entidade que se encargará da xestión desta décima edición é ANIAS, unha empresa galega que traballa nos ámbitos de atención á infancia e xuventude, a dinamización sociocultural, a formación e o tempo libre.