Avances na ampliación da praia fluvial de Ponte Sampaio, a rexeneración da enseada do Ulló e o paseo a Marín
Pontevedra, 14 de maio de 2024. Tres proxectos que gardan relación coa Dirección Xeral da Costa e o Mar amosan novidades, despois dunha xuntanza técnica entre o Concello de Pontevedra e a administración estatal: trátase da ampliación da praia pfluvial de Ponte Sampaio, da rexeneración da enseada do Ulló e do paseo a Marín.
Ampliación da praia fluvial de Ponte Sampaio
No que se refire á ampliación da praia fluvial de Ponte Sampaio, César Mosquera revelou que Costas acordou licitar o proxecto, tomando como base o anteproxecto presentado no seu día polo Concello de Pontevedra, sobre o que Costas realizará distintos «axustes», ao existir cuestións ou elementos contemplados nese anteproxecto que «non entran» dentro das competencias e da actuación que Costas elaborará e que asumirá como súa, dentro dos seus orzamentos. Trátase dunha boa noticia para este espazo, que vivirá unha transformación en positivo.
Rexeneración da Enseada do Ulló
No que fai referencia á enseado do Ulló, Costas encargará un proxecto destinado a limpar e renaturalizar o lugar, procurando realizar unha actuación que permita permeabilizar o paso da antiga vía ferroviaria, polo que manterá conversas con Adif.
Paseo a Marín
No que respeita ao paseo peonil pola ría cara Marín, o Estado está a estudar dúas alternativas posíbeis para levar a bo porto este proxecto, demandando pola cidadanía de xeito masivo, e que ofrecería unha nova vía de conexión peonil e ciclista entre Marín e Pontevedra.
Mosquera explicou que «se están a dar pasos a moi bo ritmo», ao tempo que celebrou que Costas queira cumprir co seu compromiso de desbloquear o segundo treito dun paseo que non se finalizou no seu momento, e que esperta verdadeiro interese entre a cidadanía de ambos os dous municipios.
A dirección xeral de Costas estaría traballando en dúas ideas distintas: a alternativa A -a principal e favorita deste departamento, segundo o concelleiro-, desprazaría a actual autovía de Marín cara ao interior, aproveitando os seis metros que hai entre o viario actual e o valado de ENCE. Esta actuación, ademais, permitiría elevar a cota da autovía para evitar as inundacións que se producen en intres de choivas intensas e pleamar, inutilizando a circulación de vehículos neste trazado.
«É unha opción boa, pois resolvería o problema do paseo e o problema das inundacións», explicou Mosquera «Iso si, manteríanse os catro carrís, e tamén permitiría que a pasarela peonil tivese un ancho maior que os 2,5 metros proxectados no seu momento, que semellan insuficientes para unha convivencia correcta entre bicicletas e peóns».
A outra opción, ou plan B, estuda a posibilidade de «morder a autovía todo o que se poida», polo lado máis próximo á ría, e apoiar sobre o mar só unha parte do paseo, en lugar de todo o trazado peonil, até chegar á pasarela de madeira actual.
O Concello de Pontevedra cre que a primeira opción é mellor que a segunda, tanto por ofrecer solución a dous problemas ao mesmo tempo, como por permitir mellorar o proxecto orixinal. Como é lóxico, este tamén sería un proxecto máis custoso.