Aprobada unha nova concesión de axudas para rehabilitación de vivendas e edificios en Estribela e no centro histórico de Pontevedra
Pontevedra, 7 de xullo de 2025. O Concello de Pontevedra aprobou eunha nova concesión de axudas á rehabilitación de edificios e vivendas nas náreas de rehabilitación especial de Estribela e o centro histórico de Pontevedra.
Tal e como explica o edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, esta convocatoria “viña de abril, do ano 2022, e presentáranse 15 propostas para o centro histórico e 4 para Estribela”. Debido ao incumprimento de certos requisitos, aprobáronse 7 e 4, respectivamente.
Estas axudas para rehabilitación poden chegar até un máximo do 50 % do investimento planeado, o que se traduce “nunha axuda realmente importante para obras e proxectos deste tipo”. O concelleiro lembrou que xa se realizaron cinco fases de concesións de fondos no caso do centro histórico, e dez no de Estribela. “Trátase de axudas que melloran estas zonas, aumentando a calidade de vida das persoas que aquí viven, xerando espazos máis habitábeis e axudan a converter Pontevedra nun referente de habitabilidade no seu centro histórico, ao gañar de xeito continuado poboación”.
O pago destes fondos, xa adxudicados tras esta tramitación, está ligado á finalización dos respectivos proxectos presentados en tempo e forma. En total, o centro histórico de Pontevedra verá realizadas rehabilitacións por un valor de 480.000 euros, mentres en Estribela máis de 57.000 euros.