A antiga lonxa do peixe de Pontevedra transformarase nun espazo para a creación de conservas, fermentos e mermeladas de proximidade

Anabel Gulías
Anabel Gulías
A antiga lonxa do peixe de Pontevedra transformarase nun espazo para a creación de conservas, fermentos e mermeladas de proximidade

Pontevedra, 17 de abril de 2026. A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, anunciou un novo paso na revitalización do Mercado de Abastos: a creación dun espazo de traballo compartido para a transformación de produto local, que se situará nas instalacións da antiga lonxa do peixe, na planta baixa do edificio. 

O proxecto arrincará de xeito inminente coa licitación dunha asistencia técnica por valor de 17.500 euros, que se encargará de definir os usos, as características técnicas e o procedemento de funcionamento deste equipamento. O obxectivo é dotar á cidade dun espazo acondicionado no que pequenas empresas agroalimentarias ou produtores particulares poidan procesar os seus excedentes, elaborar conservas, mermeladas ou fermentados e, un aspecto fundamental, conseguir o rexistro sanitario necesario para a súa comercialización. 

En palabras da propia Anabel Gulías, "trátase de facer e de poder facer conservas caseiras tanto profesionais como particulares e poder telo adecentado. É dicir, dar un paso máis no proxecto de revitalización do mercado de abastos". A edil subliñou o carácter innovador desta iniciativa participativa, indicando que non ten constancia de que ningunha outra cidade galega conte cun espazo urbano destas características. 

Como xerme desta demanda, o Concello puxo en marcha dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) financiado con fondos europeos Next Generation, os cursos "A despensa viva no mercado, a arte da fermentación", impartidos pola bióloga Soledad Saburido, cuxo éxito de inscrición xa motivou a programación de novas edicións para o mes de maio. 

Un millón de euros de investimento nos últimos dous anos 

A transformación da antiga lonxa suma un novo fito no ‘Plan Mercado’ co obxectivo de devolverlle a vida a este equipamento público central e convertelo no punto neurálxico da zona monumental. Tal e como valorou a concelleira, "neste mandato podemos sacar peito máis unha vez de todo o que se fixo dende o acondicionamento dos espazos (...) seguimos traballando para que o mercado funcione e sexa un elemento dinámico e que as pontevedresas poidan utilizar,esa xoia que temos na rúa Serra". 

Nos últimos dous anos, o Goberno local executou e proxectou investimentos por valor de máis dun millón de euros, compaxinando as obras coa actividade comercial. Entre as melloras estruturais máis destacadas atópanse: 

Reparación e renovación das cámaras frigoríficas, xunto coa instalación dun novo depósito de augas estanco e melloras na rede de saneamento, cun investimento superior aos 242.000 euros. 

A recente aprobación da substitución da cuberta e os lucernarios do edificio principal por unha "segunda pel" de vidro tecnolóxico. Esta obra, cun orzamento de 518.732 euros, mellorará o illamento térmico para protexer o produto fresco da planta baixa.
En paralelo á mellora física do inmoble, a Concellaría traballou intensamente na dinamización do espazo do primeiro andar. Neste ámbito destacan a recente licitación pública de dez postos para configurar o novo gastroespazo con canons accesibles; a cesión de espazos como "laboratorio práctico" para o alumnado do CIFP Carlos Oroza; e a posta en marcha do programa europeo "Pontevedra Capital Gastro". Este último inclúe multitud de iniciativas —como o Mercado do Emprendemento, A Mesa do Camiño para peregrinos, ou o Festival de Cinema Gastronómico—, financiadas con fondos NextGenerationEU para consolidar a capital pontevedresa como referente culinario. 

A antiga lonxa do peixe de Pontevedra transformarase nun espazo para a creación de conservas, fermentos e mermeladas de proximidade