Ames toma como referencia Pontevedra para acometer a súa planificación urbana
O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, e a concelleira de Cultura, Carme da Silva, recibiron á concelleira de Mobilidade de Ames, Beatriz Martínez, e á policía local, Cristina Ferreira, co obxectivo de darlles a coñecer todo o proceso de planificación levado a cabo polo goberno municipal pontevedrés para acadar o actual modelo de cidade.
"Basicamente vimos a Pontevedra porque a temos ao lado e é unha cidade de referencia en cuestións como o calmado do tráfico e a convivencia nas rúas" aseguraba a concelleira de Ames no transcurso do posterior percorrido polas principais actuacións na cidade. No concello de Ames están traballando neste momento no seu propio Plan de Mobilidade e nese sentido, Beatriz Matínez asegurou que "ademais de empaparnos de toda esta cultura urbana, temos que aprender do bo e as actuacións que fagamos, facelas ben desde o principio".
Tamén indicou que, aínda que "a mobilidade sempre é viva e continua e hai que ir adatándose ás necesidades", entre os obxectivos principais están "os camiños escolares seguros pero sobre todo darlle un ocio na rúa aos rapaces con seguridade, non só para ir á escola". Neste sentido, lembrou que Ames é un dos concellos con máis poboación nova non só de Galiza senón de practicamente todo o Estado (segundo datos do IGE, un de cada tres veciños deste concello ten menos de 40 anos).
Xornada en Melilla
O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, participou na xornada sobre cidades sostibles que organiza a Consellería de Medio Ambiente e Sostibilidade da Cidade Autónoma de Melilla. A intervención, que finalmente foivía streaming tras ser cancelado o voo previsto por mor do temporal centrouse nas medidas técnicas adoptadas para que o proceso de transformación urbana se levase a cabo de xeito sostible. Demetrio Gómez fixo un percorrido polos principais fitos do modelo de cidade para explicar cronoloxicamente como Pontevedra chegou a converterse na actualidase nunha cidade Efecto PO2. Precisamente a campaña Efecto PO2 e os retos que implica de internalización do modelo e das políticas urbanas pecharon a súa intervención.