O alcalde de Valga vese obrigado a anular a licitación para a execución do contrato dun servizo municipal despois da denuncia pública do BNG
Valga, 23 de marzo de 2026. O 9 de marzo de 2026, catro días despois de que o Concello de Valga publicara no portal de Contratos Públicos de Galiza a licitación para o “Servizo de Asesoramento Urbanístico”, o BNG de Valga denunciaba que esta contratación, cun valor estimado de 57.600 euros, incumpría a Lei de Contratos do Sector Público. Máis concretamente o artigo 145.7, no que se indica que “cando os criterios cuxa cuantificación dependa dun xuízo de valor teñan atribuída unha ponderación maior que a correspondente aos criterios avaliables de forma automática, as melloras non poderán representar unha valoración superior ao 2,5%”. No caso desta licitación, a porcentaxe de melloras supoñen un 25% dos puntos, é dicir, máis de 22,5 puntos por enriba do permitido por lei.
A última licitación publicada polo goberno municipal para a execución do contrato dun servizo municipal incumpre, unha vez máis, a Lei de Contratos do Sector Público
Malia esta ilegalidade manifesta, non foi até o 20 de marzo de 2026 cando o alcalde viuse obrigado a asinar un decreto no que se resolvía o desestimento da contratación do “Servizo de Asesoramento Urbanístico”. A redacción dos pregos desta licitación non foi un erro, nin moito menos atribuíble a algún traballador municipal, simplemente se trata dun proceder que, durante anos, o goberno municipal do Partido Popular leva realizando. Así, na anterior contratación deste servizo no ano 2021, os criterios de avaliación eran os mesmos, a única diferenza é que agora o grupo municipal do BNG de Valga realiza un traballo completo de fiscalización e control da actividade do goberno municipal respecto das contratacións administrativas.
Esta sensación de impunidade do alcalde e resto de concelleiros do Partido Popular non sería posible sen a participación activa do secretario e interventor municipais, cuxos postos están vacantes, sendo estes cubertos en acumulación de servizos con funcionarios accidentais desde o ano 2017. Mentres o secretario ten o seu posto no Concello de Ribeira, o interventor teno no Concello de Sanxenxo, polo que cobran dietas por locomoción, peaxes e manutención, percibindo soamente no ano 2025 máis de 6.000 euros nestes conceptos. Son os mesmos que nunca puxeron algún reparo a actuacións do goberno municipal, nin tan sequera ante a ilegalidade clara da licitación para a contratación do “Servizo de Asesoramento Urbanístico”
Este feito, o de nunca ter recibido un reparo do secretario ou interventor, é algo de que o alcalde fai alarde nos plenos, mais non deixa de ser un síntoma claro de deixamento de funcións do seu labor para garantir a legalidade dos actos administrativo ou fiscalización interna da xestión económica do Concello de Valga. Precisamente no referente á xestión económica-financeira, o último informe Ministerio indicaba que o Concello de Valga debía a provedores 1,7 millóns de euros ao peche do ano 2025 e que tardaba en pagar a estes o dobre do establecido por lei, sendo estes os peores datos dun concello en toda a zona do Baixo Ulla e Arousa.
O desta contratación non é un caso illado, son moitos os exemplos da desastrosa xestión que está levando a cabo o goberno municipal nos últimos meses: o cobro do alcalde de máis de 6.000 euros por ocupar o posto de presidente das mesas de contratación, cando por lei non podía; o proceso selectivo para a contratación dunha técnica en envellecemento activo, recorrido polos colexios profesionais, que acabou coa contratación da filla dunha concelleira do Partido Popular; a indemnización a unha empresa pola actuación irregular do goberno municipal na xestión dunha obra; a anulación das bases para a selección da praza de arquitecta polo recurso presentado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; o pago dos gastos dun proceso penal ao alcalde, interventor e secretario, malia que o concello tiña contratado un servizo xurídico no que se incluía a defensa; as constantes irregularidades e incumprimentos nas contratacións e licitacións, algunhas delas recorridas e anuladas por recursos de colexios profesionais; ou os numerosos informes do Consello de Contas e do Tribunal de Cuentas alertando da delicada situación económica municipal e ocultación de información por parte do Concello de Valga.