Adxudicada a redacción do proxecto de integración urbana da ponte de Santiago e da contorna da rúa Serra
Pontevedra, 22 de maio de 2025. A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, informou da adxudicación do contrato para a redacción do proxecto de integración urbana da ponte de Santiago e da contorna e conexión coa rúa Serra.
Na práctica, esta nova actuación reformará, porá en valor e elevará o estándar de calidade urbana no espazo existente entre edificios entre a rúa Serra e a avenida de Bos Aires, unha parcela de 800 metros cadrados que xa é de titularidade municipal após a cesión realizada polo IGVS (Instituto Galego de Vivenda e Solo), antigo propietario.
Vilaverde lembrou que a recuperación deste espazo de estancia é “unha actuación moi demandada pola veciñanza”, e que xa se está en reunións coas veciños e veciños para escoitar as súas opinións sobre o futuro proxecto que a empresa responsábel(Santos-Mera Arquitecto) deberá facer.
Este novo paso para transformar a zona e a cabeceira da ponte de Santiago no seu lado sur contará cun orzamento de 15.000 euros e cristalizará no seu día nunha mellora substancial de todo o lugar, mellorando a accesibilidade e a mobilidade.
O proxecto por redactar deberá corrixir algúns dos problemas detectados pola veciñanza e Concello, como os pasos de peóns que agora están en zigzag ou o adecentamento xeral de toda a zona. Nun principio, non se contemplan cambios no tráfico rodado.