8 E 9 DE MAIO. ESCOLA DE ENXEÑARÍA FORESTAL

A 13a edición da feira escolar e familiar Pontenciencia reunirá en Pontevedra a preto de 350 estudantes

Presentación de Ponteciencia 2026
Presentación de Ponteciencia 2026
A 13a edición da feira escolar e familiar Pontenciencia reunirá en Pontevedra a preto de 350 estudantes

Pontevedra, 6 de maio de 2026. O Concello de Pontevedra presentou hoxe a 13a edición da feira de divulgación científica “Pontenciencia”, un evento que se celebrará este venres 8 e o sábado 9 de maio e que ten como principal obxectivo achegar a ciencia ás nenas e nenos do municipio. 

O concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, foi o encargado de abrir a comparecencia subliñando que Pontenciencia busca ofrecer unha visión próxima da ciencia ás futuras investigadoras do país. “A ciencia require esforzo, require traballo, require paciencia, require método, pero ao final ofrece resultados e é realmente enriquecedora para a sociedade”, destacou o concelleiro. 

Ponteciencia busca busca ofrecer unha visión próxima da ciencia ás futuras investigadoras do país

Nesta edición participarán de forma directa uns 350 alumnos e alumnas tras a realización previa de 43 obradoiros en distintos centros. A feira contará cunha ampla representación en tres modalidades: 10 proxectos a cargo de oito centros de ensino primario, 11 proxectos de cinco centros de secundaria (ESO, Bacharelato e FP) e, na categoría de ciencia en familia, 6 proxectos impulsados por cinco familias. 

A programación arrincará o venres pola mañá coa presentación dos traballos de quinto e sexto de Primaria, namentres pola tarde será a quenda dos de Educación Secundaria Obrigatoria. O sábado día 9 estará dedicado aos traballos familiares e á entrega de premios. Entre as actividades paralelas orientadas ao público xeral e aos propios participantes, destacouse un obradoiro de observación solar, aproveitando a proximidade dunha eclipse na que a Galiza terá un papel destacado para a súa observación. 

No ámbito dos galardóns, a organización entregará, entre outros, o premio de homenaxe á muller investigadora, que dotará con 300 euros aos cinco mellores proxectos, ademais dun premio especial ao mellor traballo relacionado co mar. 

Apoio institucional e fomento de vocacións STEM 

O concelleiro agradeceu o traballo colaborativo de diversas institucións e empresas sen as cales este proxecto "sería imposíbel", como a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (UVigo), a Escola de Enxeñaría Forestal (UVigo), o Centro Oceanográfico de Vigo, Celtiderm Galicia, Veolia, Setga, Marine Instruments e Ceyeda. 

Pola súa banda, a directora da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo, Ángeles Cancela, puxo en valor a iniciativa como unha ferramenta fundamental para a captación de talento feminino nun contexto de baixa matriculación nas enxeñarías, axudando a "manter unha chispa de ciencia nas mulleres". Tamén destacou a seriedade e o excelente desenvolvemento metodolóxico dos traballos dos escolares, que mesmo utiliza como exemplo para o seu propio alumnado universitario. 

En representación do Centro Oceanográfico de Vigo, o seu voceiro subliñou que xerar vocacións científicas dende idades temperás é clave para asegurar no futuro "a sostibilidade dos recursos e o noso futuro", motivo polo que apoian a feira cun premio adicional centrado nas ciencias mariñas. 

Durante a rolda de prensa tamén se adiantaron algunhas das temáticas que se poderán ver esta fin de semana, destacando a gran variedade de disciplinas abordadas, dende as ciencias experimentais ata as humanidades. 

Entre os traballos destacados atópase unha investigación arredor de Alfonso X o Sabio, desenvolvida por estudantes a partir das súas cantigas e que leva por título Alfonso X, o influencer do século XIII. Tamén terá un papel salientable o Centro de Educación Especial Cidade de Pontevedra, cuxos alumnos presentarán unha investigación sobre a cantidade de azucre nas bebidas. Na categoría de familias, exporanse proxectos sobre o verdadeiro impacto dos vápers fronte ao tabaco, a filtración e acidificación nos moluscos, a creación de bioplásticos para viveiros de plantas, e a relación entre o nivel de acidez do solo e a cor das hortensias. 

A 13a edición da feira escolar e familiar Pontenciencia reunirá en Pontevedra a preto de 350 estudantes