O 10N: unha oportunidade para que Galiza teña voz propia no Congreso
A cabeza de lista do BNG para as eleccións xerais pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, asegurou na cidade do Lérez que o vindeiro 10 de novembro debe converterse unha nova oportunidade para que Galiza teña voz no Congreso dos Deputados da man do Bloque Nacionalista Galego fronte á “frivolidade” das forzas políticas estatais que non foron quen de dialogar e chegar a acordos e que esqueceron as necesidades do país nos últimos anos.
“A xente debe transformar o cabreo ante a incapacidade de chegar a acordos, falar e dialogar, e convertelo nunha oportunidade de facer algo diferente o 10N: apostar e apoiar a candidatura do BNG que só ten a cabeza posta neste país e que o único que pretende é que Galiza teña dignidade e respecto que se merece”, afirmou.
Da Silva lembrou que nas últimas lexislaturas Galiza estivo totalmente ausente dos debates importantes e dos orzamentos do Estado. Subliñou a diferenza con respecto a cando no Parlamento traballaron os deputados do BNG, lembrando os avances da A-57 ou as partidas para desenvolver actuacións tanto na cidade de Pontevedra como no resto da provincia acadados con Guillerme Vázquez ou Olaia Fernández Davila.
Nas eleccións do vindeiro 10N –dixo a nacionalista- é preciso falar “dos problemas que temos galegas e galegos” en lugar de discutir sobre a política madrileña. “Estas eleccións non van nin do futuro de Sánchez nin de Casado nin de Rivera”. Estas eleccións deben ir, afirmou, de eliminar portaxes abusivas na AP-9 -cunha concesionaria que presume de que vai incrementando os seus beneficios ano tras ano-, de dar solucións aos nosos sectores produtivos (á pesca, ao viño…), de saber que vai pasar co Brexit ou a política arancelaria dos Estados Unidos. “Todas esas cousas vanse falar nas Cortes españolas e alí temos que ter capacidade propia, galega, para incidir e decidir”, insistiu.
Galiza ten que estar representada nas Cortes españolas con capacidade propia, para poder incidir e decidir sobre os temas que nos afectan
Da Silva fixo fincapé na necesidade de poñer sobre a mesa a mellora das infraestruturas galegas, tanto das viarias como das ferroviarias, e subliñou a necesaria solución á precariedade laboral, á crise industrial que sufre Galiza, así como á urxencia de sacar a Ence da ría e de non ter todo o monte galego a disposición dunha empresa que o único que fai é provocar ano tras ano o maior problema ambiental de Galiza no monte, a non ser que a chuvia axude.
“Temos que dar resposta a todas esas cousas que é o que a sociedade nos demanda. A sociedade creo di con moita clareza que debemos preocuparnos de dar solución e resposta aos problemas que encaramos, tamén cara ao futuro, e deixar de mirar no corto prazo e nos intereses partidario. Hai que levantar a cabeza e plantexar solucións”, indicou.
O BNG con esa convicción, engadiu a cabeza de lista, presentou a súa candidatura para ser “a voz de todo o país, de todos os galegos e galegas que lle queren a este país e que teñen confianza na súa capacidade. Nós queremos ser a voz sen ataduras e sen subordinacións con confianza no futuro”.
Concluíu, así mesmo, amosando a súa convicción de que os resultados do 10N serán bos para a forza nacionalista galega, xa que nos últimos sete meses seguiu a corrente de simpatía cara ao BNG, acrecentada polo malestar ante a “frivolidade e falta de responsabilidade” das forzas madrileñas para acadar unha lexislatura viable.
Experiencia contrastada
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, insistiu en que “é unha prioridade” para pontevedresas e pontevedreses que o BNG teña representación de novo no Parlamento do Estado porque alí decídense cousas que son “de comer e de traballar e non de política abstracta, senón de necesidades imperiosas e débedas que a administración do estado ten coa cidade e co país”.
Lores louvou á cabeza de lista e indicou que ten experiencia contrastada en Pontevedra e no Parlamento galego, que coñece en profundidade as necesidades actuais e de cara ao futuro. “Iso debería ser un plus para a xente que lle queira a este país pense no Bloque Nacionalista Galego para estar presente en Madrid”, dixo, confrontando co resto das candidaturas das forzas rivais. “A nosa presenza vai ser un avance importante para rematar con esta sequía de catro anos perdidos de investimentos do Goberno central “, subliñou.
Así mesmo, o rexedor tamén quixo poñer en valor a necesidade de confiar nas forzas propias, indicando que Pontevedra é un referente internacional en moitos aspectos pola capacidade e potencialidade que tiña a cidade canalizada co traballo do goberno local. Lembrou que veñen á cidade do Lérez dende moi diferentes puntos do mundo para aprender do modelo, e afirmou que tamén as galegas e galegos poden ir a Madrid a traballar no Congreso con iguais resultados.