O Concello de Barro adxudica por 56.000 euros o proxecto de mellora da contorna do Pazo da Crega

pazo8
O Concello de Barro adxudica por 56.000 euros o proxecto de mellora da contorna do Pazo da Crega

Barro, 18 de agosto de 2021. A Xunta de Goberno do Concello de Barro deu luz verde á adxudicación dun proxecto para  mellorar toda a contorna do pazo municipal situado no núcleo urbano do Santo Antoniño e integrala na trama urbana.

Esta intervención no pazo e na súa contorna seguirá unha filosofía que abrace a integración dos espazos e das persoas, creando áreas de convivencia para que toda a veciñanza poida gozar o máximo posíbel deste espazo e que, ao mesmo tempo, sirva para integrar esta parcela dentro da trama urbana da vila como parque público.

O proxecto, que conta cun orzamento de 56.000 euros financiados con fondos propios do Concello de Barro,persegue revalorizar tanto o Pazo como a súa contorna, mediante a recuperación de elementos esenciais do seu conxunto arquitectónico e patrimonial, a eliminación dos elementos que o desvirtúan, así como a reordenación da masa vexetal que o rodea, clarificando os espazos e usos para obter como resultado a integración do espazo no núcleo, converténdoo nun eixo de centralidade social e cultural. 

Esta actuación contempla traballos de xardinería, melloras na accesibilidade, a eliminación de construcións auxiliares inadecuadas e alleas á contorna, a apertura do espazo exterior axardinado, a reconstrución do seu hórreo orixinal e a restauración e recontrución do lagar no seu lugar orixinal.

O Concello de Barro adxudica por 56.000 euros o proxecto de mellora da contorna do Pazo da Crega