O TSXG confirma a sentenza contra o Concello de Soutomaior e condénao por fraude na contratación dos auxiliares da Policía Local

2021-06-10 10.45.11-IMG20210610104511
Diego Moreira
O TSXG confirma a sentenza contra o Concello de Soutomaior e condénao por fraude na contratación dos auxiliares da Policía Local

Soutomaior, 9 de xuño de 2021. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ratifica a sentenza interposta contra o concello de Soutomaior polo Xulgado do Social número 1 de Vigo que declaraba nulo o despido dos auxiliares da Policía Local que exerceron no concello durante o ano 2019, e obrigaba ao goberno local a readmitir aos traballadores; asimilar o seu salario aos das funcións que realmente realizaban; pagar o salario de todos os meses nos que estiveron desempregados de xeito improcedente; e a facerse cargos das costas xudiciais.

Durante a segunda metade do 2019, o concello de Soutomaior non contaba con ningún axente da Policía Local no seu plantel, xa que dos tres que dispoñía até xuño dese mesmo ano, dous se atopaban en excedencia desde 2017 e o terceiro se xubilara pouco antes. Nesta situación, as funcións policiais foron desempeñadas por dous auxiliares sen consideración de policía.

O BNG de Soutomaior xa denunciou as presuntas irregularidades do concello durante o pleno do 26 de setembro de 2019. A resposta do alcalde e do concelleiro responsábel da xestión da Policía Local no concello foi asegurar que a contratación foi acorde a lei, autorizada pola Xunta e que os auxiliares realizaban labores de auxilio. 

O BNG solicitara un pleno extraordinario en xaneiro deste ano para estudar as presuntas irregularidades cometidas polo goberno local en materia de Policía Local

O concelleiro do BNG, Diego Moreira, afirmou que, “pese a arrogancia do grupo de goberno no pleno, o Tribunal Superior deulle un novo revés, e pode que non sexa o último”. “Isto non é máis que a confirmación do que xa vén denunciando o BNG desde hai anos: as irregularidades en moitos dos trámites administrativos realizados neste concello, a incapacidade para solucionalos e a facilidade para mentir no pleno e mesmo nos tribunais para tentar ocultalos”.

A sentenza do TSXG vén confirmar a irregularidade das prácticas e das mentiras do grupo de goberno, despois de que en xaneiro deste ano o BNG de Soutomaior solicitase un pleno extraordinario co obxectivo de abordar esta situación. O tribunal afirma na  súa sentenza que se carecía do permiso da Xunta e que o procedemento para facer dita contratación foi fraudulento. Así mesmo, tamén recolle a sentenza que “non é de recibo afirmar que, desde xuño de 2019 e sen Axentes de Policía Local en activo no Concello, as súas funcións (dos auxiliares) se restrinxiron ás de Auxiliar”, recoñecendo os agravios legais cometidos polo alcalde e polo concelleiro responsábel.

O TSXG confirma a sentenza contra o Concello de Soutomaior e condénao por fraude na contratación dos auxiliares da Policía Local