Pontevedra reinvidica ‘a democracia dos espazos públicos’ na xornada sobre desenvolvemento sustentábel de Évora

Pontevedra reinvidica ‘a democracia dos espazos públicos’ na xornada sobre desenvolvemento sustentábel de Évora

Pontevedra, 8 de xuño de 2021. O concelleiro de Ordenación do Territorio e Mobilidade, César Mosquera, participou esta mañá na xornada ‘A mobilidade urbana e a accesibilidade como factores de desenvolvemento sustentábel’ organizada pola Câmara Municipal de Évora, onde reinvidicou a concepción do espazo público “como un dereito case do mesmo rango que a Sanidade ou a Educación”. 

O concelleiro de Ordenación do Territorio e Mobilidade e vicepresidente da Deputación de Pontevedra participou nun panel dedicado a ‘Boas prácticas’ onde compartiu quenda de relatorios e coloquio con Daniel Valente, chefe de Divisão de Ambiente e Mobilidade do Município de Évora que falou do “Regulamento Municipal de Circuitos Turísticos”, e con Juan Aljama Morilla, da Oficina de Acessibilidade do Município de Córdoba que falou das “Rutas Inclusivas de Interese Cultural e Turístico de Córdoba”.

César Mosquera, avogou pola necesidade de entender o espazo público como un dereito “case do mesmo rango que a Sanidade e a Educación”

César Mosquera fixo unha exposición somera do que supuxo o modelo urbano de Pontevedra respecto da situación de partida da cidade no ano 1999 cando, en palabras do concelleiro “Pontevedra estaba francamente mal, cargada de tráfico, triste e anódina” e explicou que naquel momento o obxectivo principal era “ facer unha cidade máis acolledora, máis cómoda e na que se vivira mellor”. Sobre o camiño percorrido nos 22 anos desde entón, Mosquera salientou que o máis importante foi partir dunha concepción holística da cidade, entendida como unha entidade “complexísima” que debe concitar o dereito ao que “todas as persoas, todas, deben ter acceso e as Administracións teñen que garantir que a cidadanía poida exercer ese dereito”. Neste sentido, insistiu en que outro tratamento dos espazos públicos diferente a unha concepción global e holística “ten difícil solución e pode facer que quede fragmentado en cuestións como a accesibildiade por un lado e a mobilidade por outro e mesmo a que as actuacións cheguen a ser contraditorias”. 

César Mosquera asegurou que “unha idea vale máis que mil imaxes” (nunha adaptación da frase “unha imaxe vale máis que mil palabras”) para poñer en valor a necesidade de partir do principio “da democracia dos espazos públicos” fronte a segregación dos espazos. 

Na xornada sobre “Mobilidade urbana e accesibilidade como factores de desenvolvemento sustentábel” tamén tiveron unha relevancia especial as cidades posCovid e a necesidade de repensar os espazos para a cidadanía. Neste contexto, Pontevedra reivindicou o papel do espazo público como lugar de convivencia e estancia, e como prolongación do espazo doméstico. 

Pontevedra reinvidica ‘a democracia dos espazos públicos’ na xornada sobre desenvolvemento sustentábel de Évora