Pontevedra declarará "Persoa Non Grata" a Ignacio de Colmenares, Presidente e Conselleiro Delegado de ENCE

2019-11-06 13.09.59-Fujifilm Fujinon XF18-135mmF3.5-5.6 R LM OIS WR 1
Pontevedra declarará "Persoa Non Grata" a Ignacio de Colmenares, Presidente e Conselleiro Delegado de ENCE

Pontevedra, 15 de marzo de 2021. O BNG e o PSOE van levar ao vindeiro Pleno dúas iniciativas conxuntas referidas a celulosas: unha na que se insta á empresa Ence, á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a traballar de forma inmediata para o traslado da factoría da ría de Pontevedra, e a outra para  pedir que o Pleno declare a Ignacio de Colmenares y Brunet, X conde de Polentinos, persoa non grata nesta cidade.

Esta decisión chega tras os incidentes ocorridos o pasado xoves cando un grupo de persoas 'tomou' a alcaldía e agrediu verbalmente a parte do grupo de goberno. "O que pasou o pasado xoves marca un antes e un despois porque se traspasaron moitas liñas vermellas que non se deberían ter traspasado" afirmou, ao tempo que lembrou que estes incidentes chegan despois de facerse público o vídeo no que Colmenares ameazaba cun 'susto maiúsculo con consecuencias para as persoas' e no que "sinalaba co dedo aos que el considera responsábeis políticos das circunstancias da pasteira". A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías asegurou que tras a difusión do vídeo xa transcorreu tempo para que o CEO da empresa se retractara pero que pola contra "esta persoa torpedea sistematicamente calquera intento por devolverlle a tranquilidade ás pontevedresas e aos pontevedreses". 

O Pleno instará a Ence, á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a traballar de forma inmediata para o traslado da factoría da ría de Pontevedra

Insistiu en que "as declaracións deste señor son as que botan gasolina ao lume" e que alentan comportamentos como "ter que escoitar que Pontevedra vai ser un campo de batalla". Neste sentido, afirmou que "Pontevedra merece dirixentes de fábricas que teñan capacidade de diálogo e que non o boicoteen antes de comezalo". Tamén asegurou que "Pontevedra é unha cidade tranquila, vai seguir sendo unha cidade tranquila, e imos seguir plantando cara a este Ence-Borroka que ameaza con seguir utilizando estes métodos para facernos recuar no que lexitimamente pensamos e defendemos". 

"Parécenos francamente inapropiado que unha persoa como Colmenares estea ao frente de decisións tan importantes" asegurou a portavoz do Goberno, e argumentou que, tras os incidentes da semana pasada "se debería facer unha condena contundente sen peros, porque unha condena con peros non é o adecuado para esta situación”. 

Pontevedra declarará "Persoa Non Grata" a Ignacio de Colmenares, Presidente e Conselleiro Delegado de ENCE