Luís Bará: “Outro monte é posible e está aquí en Salcedo”

2020-06-21 10.55.52-Bará-monte de Salcedo_Diafragma10_Distancia focal19_Velocidade1-250S_ISO400 2
Bará nos montes de Salcedo
Luís Bará: “Outro monte é posible e está aquí en Salcedo”

Pontevedra, 21 de xuño de 2020. “Outro monte é posible e está aquí en Salcedo moi preto de nós”. Así o manifestou hoxe o cabeza de cartel do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, que neste domingo fixo unha visita a A Armada en Salcedo coa directiva da comunidade de montes da parroquia para comprobar as potencialidades do monte. Destacou que o BNG apostará dende a Xunta por un monte multifuncional no que se priorice a diversificación, o confinamento do eucalipto, e os valores ambientais, sociais e culturais. 

Acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, das concelleiras Carme Fouces, Demetrio Gómez Xunqueira, Alberto Oubiña, e Xaquín Moreda, e da portavoz municipal en Vilaboa, Ornela Fernández, o candidato fixo un recoñecemento expreso do que cualificou como “excelente labor” da comunidade de montes. Asegurou que é un exemplo a seguir e a mostra do que pode ser o monte galego cun goberno como o do BNG que cambie de raíz a política forestal e aposte “por un monte vivo e por un monte multifuncional, polo monte galego do século XXI, polo monte do futuro”.

Bará destacou que Salcedo é un monte vivo, produtivo e diversificado con árbores autóctonas e árbores destinadas á produción de froito, que apostou pola eliminación de especies invasoras e ao confinamento do eucalipto. Salientou tamén as súas funcións e valores ambientais “que protexe a saúde das persoas e tamén do planeta”, e que permite combater con eficacia o cambio climático que actúa como grande escudo protector fronte aos lumes forestais, “un dos grandes riscos que teñen o noso rural e zonas urbanas”.

Así mesmo, o cabeza de lista destacou que no caso de Salcedo “estamos a falar dun monte social, que actúa como un lugar de convivencia de lecer, de actividade deportiva saudable e respectuosa coa contorna e onde hai proxectos tamén de construír equipamentos deportivos para a parroquia por parte do Concello. Un monte entendido como espazo cultural e como recurso para o coñecemento da historia e do patrimonio mediante roteiros de interpretación ou a recreación dunha aldea neolítica”, lembrou. 

O cabeza de lista por Pontevedra afirmou que o BNG apostará dende a Xunta por un monte multifuncional no que se priorice a diversificación, o confinamento do eucalipto, e os valores ambientais, sociais e culturais

Con Salcedo como base, Bará lembrou que o BNG aposta pola creación dunha nova Lei de Montes para resolver a cuestión da propiedade comunitaria pola súa singularidade; pola modificación da lexislación en materia fiscal para mudar o tratamento que teñen as comunidades de montes, ás que se lle aplican o imposto de sociedades como se fosen unha empresa que ten un lucro directo; polo cambio no reinvestimento do aproveitamento do monte, para flexibilizalo e adaptalo a cada realidade e a cada situación concreta; polo cambio da xestión pública do monte; e pola realización dun novo Plano Forestal onde se poña límite á superficie de eucalipto. 

Bará destacou que o vindeiro 12X é o momento de que Galiza aposte por un cambio galego que permita desenvolver as potencialidades do país fronte á parálise dos últimos 11 anos co Partido Popular. O nacionalista destacou que o BNG ten un proxecto de país propio, solvente, e de futuro cunha líder como Ana Pontón con capacidade e que exemplifica a aposta pola modernización do país. “A papeleta do BNG ten valor dobre porque serve para derrotar ás políticas da dereita e construír unha sociedade máis igualitaria e tamén para vencer ao centralismo e a dependencia “e desta maneira poñer os recursos do noso país ao servizo do benestar e do progreso colectivo”, subliñou.

 

Luís Bará: “Outro monte é posible e está aquí en Salcedo”