Luís Bará leva ao Parlamento o colapso de urxencias de Montecelo

montecelo-1
montecelo

O BNG rexistrou iniciativas parlamentarias sobre a situación de caos e de colapso no servizo de urxencias de Montecelo, unha situación que se repite periodicamente sen que se tomen medidas para atallala ou cando menos atenuala. Tal como denunciaron publicamente familiares de pacientes ingresados en urxencias, nesta semana as esperas nos corredores superan as 30 horas, coas conseguintes incomodidades das persoas enfermas e as dificultades para que o persoal médico poida desenvolver o seu traballo non garantías. Segundo o persoal que traballa en urxencias, o martes 3 de decembro viviuse unha situación límite, xa que se esgotaron as camillas na quenda da mañá e houbo que ocupar as camas da sala de endoscopias. Diante desta caótica situación, o persoal das Urxencias presentou queixas diante da dirección e fixo denuncia pública polo volume de traballo e as condicións de presión no que teñen que realizalo.

Segundo Luís Bará, “dáse esta grave situación mentres hai 40 camas pechadas no Hospital Provincial desde o verán. Mais o SERGAS non as abre porque non quere contratar máis persoal, polo que condena a pacientes de moita idade e con patoloxías graves a unha situación de auténtico maltrato ao permanecer amoreadas durante máis de 30 horas nos corredores”. Por outra parte, segundo Bará, “o acontecido os pasados pon en evidencia a falta de previsión e planificación da Xerencia do CHOP, xa que había unha previsión de chegada do pico da gripe xustamente nestas datas, polo que tiñan que terse tomado medidas con atelación suficiente”.

Bará considera unha burla e unha absoluta falta de respecto que a Xerencia do CHOP diga que non hai “incidencias reseñables” cando hai persoas que están sufrindo unha situación penosa amoreadas durante máis de 30 horas nos corredores de Urxencias de Montecelo

O deterioro da atención primaria complica a situación das Urxencias

Para o deputado nacionalista, “a situación de caos e colapso nas urxencias de Montecelo é unha manifestación máis dos recortes e do deterioro do sistema sanitario público, como se pon de manifesto nos últimos meses nas denuncias públicas do persoal de atención primaria, dos PAC e das urxencias hospitaria. Existe un clamor en toda Galiza, con folgas e manifestacións en defensa da sanidade pública fronte aos recortes do PP”.

Para o BNG, o deterioro constante da atención primaria e dos PAC, con recortes de persoal e non cobertura de baixas e vacacións, está a agravar a situación de colapso nas urxencias hospitalarias. Segundo Bará, “moitas persoas o retraso das citas en medicina de familia, que chegan ata os dez días, acaban acudindo a Urxencias”.

 

Luís Bará leva ao Parlamento o colapso de urxencias de Montecelo
Luís Bará leva ao Parlamento o colapso de urxencias de Montecelo