Ernesto Filgueira reclama reactivar a atención presencial nos centros de saúde de Cerdedo-Cotobade

Ernesto Filgueira centro médico de Tenorio
Ernesto Filgueira diante do centro médico de Tenorio
Ernesto Filgueira reclama reactivar a atención presencial nos centros de saúde de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade, 27 de outubro de 2020. O Portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira,  ven de recoller as queixas e reclamacións de veciñas e veciños coincidentes na dificultade de acceder de forma presencial a unha consulta co seu médico de familia nos Centros de Saúde da localidade.

Filgueira lembra que ademáis da covid19 hai outras patoloxías e necesidades que requiren de atención médica presencial.

Ernesto Filgueira: “No BNG entendemos que a Atención Primaria é fundamental nunha situación de pandemia como a actual e, polo tanto, solicitamos que sexa reforzada cos medios profesionais e materiais necesarios para que poida responder ás necesidades de saúde da nosa veciñanza”.

Esta situación agravada pola saturación da atención telefónica, concesión de citas de xeito tardío, sobrecarga de traballo do persoal sanitario e a existencia dunha poboación especialmente maior en Cerdedo- Cotobade levou ao BNG a presentar unha MOCIÓN para que o Pleno do Concello inste á Xunta de Galiza a pór en marcha de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial na Atención Primaria e así poder dar unha resposta digna ás necesidades da veciñanza.

Ernesto Filgueira: “Preocúpanos que a sanidade colapse, especialmente os poucos servizos que temos no rural, por iso agardamos de Cubela e do seu goberno o apoio para trasladar estas demandas á Xunta de Galiza”.

Ademais, na moción o BNG solicita un aumento do número de profesionais sanitarios e un incremento dos orzamentos destinados á Atención Primaria para podermos contar con unha atención sanitaria de calidade que poña fin á precariedade na que se atopa actualmente logo de 11 anos de recortes e privatizacións do Partido Popular.

Ernesto Filgueira reclama reactivar a atención presencial nos centros de saúde de Cerdedo-Cotobade