O DESLEIXO DAS ADMINISTRACIÓNS LEVAOS A UNHA SITUACIÓN DE ABANDONO

Ernesto Filgueira insta a coidar e pór en valor os petróglifos de Cerdedo-Cotobade

2506078D-74E8-40EC-B669-37C0DCA76D6A
Ernesto Filgueira insta a coidar e pór en valor os petróglifos de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade, 20 de xaneiro de 2021. Recentemente tivo lugar unha agresiva acción de limpeza na vía que une a N-541 á Carballeira do San Xusto, a escasa distancia dunha laxe de petróglifos declarados BIC, da que o BNG tivo coñecemento.  

Diante destes feitos, e co ánimo de que estas actuacións agresivas non volvan suceder, o BNG acaba de rexistrar unha moción para que o Concello esixa da Xunta de Galiza a atención e os coidados que os petróglifos precisan, así como a posta en valor destes bens de grande importancia e interese histórico.

 

Ernesto Filgueira: “Os gobernos do PP da Xunta de Galiza e do noso Concello levan anos sen preocuparse dos Petróglifos e, polo tanto, teñen grande responsabilidade nos estragos que neles se producen”.

As terras de Cerdedo-Cotobade son especialmente ricas en bens arqueolóxicos, especialmente petróglifos. Aínda que repartidos polo conxunto do concello, compre salientar a grande concentración que existe ás beiras do río Lérez

Aínda que a maior parte das laxes foron catalogadas décadas atrás, o proceso continúa esporádicamente grazas ao labor investigador de persoas particulares especialistas na materia. 

Tendo en conta a importancia dos gravados rupestres de Cerdedo-Cotobade, o BNG considera imprescindíbel o seu coidado e a súa posta en valor como elementos que son da nosa identidade da nosa historia e da nosa cultura. É mágoa ver como  este patrimonio milenario que podería ser un factor para a promoción no noso concello dunha actividade turística e formativa sustentábel, se estén a deteriorar polo desleixo das autoridades que tiñan que velar polo seu bo estado de conservación.

Cerdedo-Cotobade non pode quedar impasíbel ante as agresións ao património, e , polo tanto, desde o BNG instamos ao conxunto da corporación a aprobar a seguinte Moción:

O Concello de Cerdedo-Cotobade insta á Xunta de Galiza a:

  1. Proceder á limpeza perimetral das laxes de petróglifos cun protocolo acaido que protexa a arte rupestre.
  2. Proceder á actualización do inventario de arte rupestre protexida localizada no termo municipal de Cerdedo-Cotobade.
  3. Proceder a poñer en valor as laxes de arte rupestre con valados, estacións de observacións e sinalización.
  4. Habilitar un Centro de Interpretación adicado á Arte Rupestre de Cerdedo-Cotobade na contorna da Laxe do Cuco, da Portela da Cruz, da Laxe das Rodas  e do Lombo da Costa; próximas á Carballeira do San Xusto.
  5. Articular unha estratexia de creación de Identidade de Marca e unha campaña de promoción turística para dar a coñecer e promocionar a grande riqueza dos petróglifos de Cerdedo-Cotobade dirixida por Turismo de Galiza.

 
Ernesto Filgueira insta a coidar e pór en valor os petróglifos de Cerdedo-Cotobade