O Concello de Barro reclama o retorno do pediatra e insta á consellaría de Educación a tomar as medidas necesarias para un comezo de curso con garantías

WhatsApp Image 2020-07-31 at 10.31.27
Pleno de Barro
O Concello de Barro reclama o retorno do pediatra e insta á consellaría de Educación a tomar as medidas necesarias para un comezo de curso con garantías

O Pleno do concello de Barro aprobou dúas mocións do grupo municipal do BNG. A primeira delas dirixida á xerencia da área sanitaria de Pontevedra e ao SERGAS para reclamar o restablecemento do servizo de pediatría en Barro após o estado de alarma e solicitar que se cubran como é debido as vacacións dos profesionais do Centro de Saúde, que nestes momentos están prestando servizos mínimos. A moción foi aprobada por unanimidade.

Para Xosé Manuel Fdz. Abraldes, Alcalde de Barro: “Esta situación de crise sanitaria que estamos vivindo non pode ser un pretexto para que a Xunta elimine servizos existentes na atención primaria de Barro” e por esa razón reclama “que se restaure o servizo de pediatría no Centro de Saúde de Barro na maior brevidade posible”.

O BNG non ve razóns para que unha vez rematado o estado de alarma, momento no que o servizo pediátrico foi transladado a Lérez por causa dunha mellor organización de espazos dentro do Centro de Saúde para atender as posibles necesidades provocadas pola COVID-19, non retorne o pediatra ao Centro de Saúde de Barro, e considera que o período vacacional non pode ser unha desculpa para non restablecer o servizo.

Desde a chegada do BNG á Alcaldía de Barro vense reclamando a mellora e fortalecemento dos servizos de atencion primaria e a construción dun novo Centro de Saúde, xa que o actual non reúne as condicións necesarias para prestar un servizo adecuado.

Neste Pleno, o BNG tamén presentou unha moción para instar á Consellería de Educación a tomar as medidas necesarias para garantir un comezo de curso escolar con garantías sanitarias, proporcionando aos centros educativos os medios necesarios e utilizando todos os espazos existentes para desdobrar as aulas, coa finalidade de reducir o alumnado nas mesmas. Esta moción só contou cos votos favorables das concelleiras e concelleiros do BNG e do PSOE.

O Concello de Barro reclama o retorno do pediatra e insta á consellaría de Educación a tomar as medidas necesarias para un comezo de curso con garantías