O BNG solicita a documentación sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE

elnosa 800x450
O BNG solicita a documentación sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE

Pontevedra, 3 de maio de 2021 O BNG presentou unha batería de iniciativas parlamentares en relación coa contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE e os potenciais riscos para a saúde humana, para a ría e para o medio. O deputado nacionalista Luís Bará defenderá o vindeiro xoves día 6, na comisión de medio ambiente, unha proposición de lei na que se insta á Xunta a dar a coñecer todos os informes relacionados co proceso de desmantelamento e descontaminación dos terreos que ocupou a factoría de ELNOSA, en particular as análíticas que poñen de manifesto uns niveis elevados de contaminación por mercurio.

O deputado Luís Bará presentou unha solicitude para que o goberno envíe ao parlamento todos os estudos, informes e analíticas referidas á contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE e sobre os potenciais riscos para a saúde humana, para as augas superficiais e subterráneas e para a ría

O BNG tamén propón elaborar e aprobar un plan de vixilancia e control do solo e das augas superficiais e subterráneas do complexo industrial de Lourizán, así como adoptar todas as medidas necesarias para protexer a poboación, as augas da ría e os bancos marisqueiros.

Veto do PP á comparecencia no parlamento da directora xeral de Calidade Ambiental

Tendo en conta a gravidade das informacións que transcenderon sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE, o BNG solicitou a comparecencia da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático na comisión parlamentaria de medio ambiente do próximo xoves día 6, co obxecto de que dese cumprida información sobre a materia e garantise que se están a adoptar as medidas necesarias para protexer a poboación, o persoal da fábrica de ENCE, as augas da ría e os bancos marisqueiros. Esta comparecencia foi vetada polo PP, de aí que o BNG presentase a proposición non de lei que será debatida nesa comisión.

O vindeiro xoves día 6, Luís Bará defendera no parlamento unha proposición non de lei para instar ao goberno a informar ao parlamento, á opinión pública e aos concellos sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE e sobre os potenciais riscos para a saúde pública, para o ambiente e para a ría.

Por outra parte, diante do escurantismo con que está a actuar o goberno galego, xa que ten coñecemento dos feitos cando menos desde outubro de 2020, o BNG solicitou da Xunta toda a documentación relativa a estudos, informes, escritos, analíticas relacionadas co proceso de desmantelamento e descontaminación dos terreos que ocupou a factoría de ELNOSA e coa contaminación na súa contorna.

 

O BNG solicita a documentación sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE