O BNG solicita 1,5 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria na N-550 en Barro

N550-Barro2
O BNG solicita 1,5 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria na N-550 en Barro

Barro, 30 de novembro de 2020. O BNG emendou os Orzamentos Xerais do Estado co obxectivo de que o Goberno Central inclúa nas contas para o exercicio do 2021 melloras na seguridade viaria na N-550 ao seu paso por Barro, coa solución a dous puntos que representan un verdadeiro perigo para os milleiros de vehículos que circulan por eles a diario e que son xa reclamacións históricas da organización nacionalista.

Desta forma, o BNG pídelle ao Goberno do Estado a construción de dúas rotondas por valor de un millón e medio de euros. Unha delas no cruzamento entre a N-550 e a estrada EP-0506, que une A Portela e Curro, xa que este é un punto especialmente conflitivo por causa da escasa visibilidade e da pouca marxe que teñen os vehículos procedentes da Portela, especialmente os vehículos pesados, para incorporarse á N-550 en dirección ao núcleo do Santo Antoniño. A construción desta rotonda servirá ademais como elemento de calmado do tránsito na entrada do núcleo do Santo Antoniño.

A emenda inclúe outro punto conflitivo ao que cómpre darlle unha solución definitiva e eficaz. Trátase do cruzamento de Porráns entre a N-550, a estrada de Moraña (EP-0501) e a pista municipal que dá acceso ao lugar do Coruto. 

A mellora da seguridade viaria nestes dous puntos é unha prioridade para Barro, polo que o BNG espera que o Goberno central se sensibilice con este problema que afecta milleiros de persoas que discorren pola N-550 a diario e evitar así ter que lamentar máis accidentes. 

O BNG solicita 1,5 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria na N-550 en Barro