O BNG levará ao pleno unha iniciativa para ampliar o IES de Soutomaior

ies soutomaior1
O BNG levará ao pleno unha iniciativa para ampliar o IES de Soutomaior

Soutomaior, 18 de maio de 2021. O grupo municipal do BNG rexistrou unha iniciativa para debater no pleno municipal para esixir á Xunta ás melloras que demanda a comunidade educativa do IES de Soutomaior.

Estas melloras que xa foron abordadas no pleno a instancia do BNG foron rexistradas para debater no pleno ordinario que terá lugar o vindeiro 27 de maio, despois de que o Partido Popular votase no Parlamento en contra dunha proposicion non de lei do BNG no que demandaban estas melloras e despois de que tamén o propio consello escolar IES de Soutomaior rexistrase un escrito reclamando estas melloras.

O IES de Soutomaior que foi inaugurado hai dous cursos non é capaz de atender xa neste curso a demanda de matrícula que está a recibir. Ademais, trátase dun centro no que nos días de choiva o alumnado ten que permanecer nas aulas no patio porque non hai espazos cubertos no exterior. O centro tampouco conta con salóns de actos, nin pistas deportivas cubertas. As pequenas dimensións dos laboratorios dificultan que se poida traballar cos grupos completos e tal e como denuncian dende a comunidade educativa carecen tamén de materiais como microscópios suficientes ou campás extractoras necesarias para traballar con certos produtos químicos. As reducidas dimensións da sala de profesores provoca tamén que nela tan só poida estar a metade do claustro e no espazo multiusos dificilmente entra un terzo do alumnado.

O portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que no ano 2015 tuvo lugar un pleno no que advertimos que era unha irresponsabilidade meter nun espazo pensado para 300 alumnos a 500; que era necesario reformar aquel proxecto para evitar estes problemas, aí están os vídeos para quen queira velos. Hoxe é o noso alumnado quen padece as consecuencias desa irresponsabilidade e é o Consello Escolar quen ten que denunciar esta situación. Dende o BNG imos poñer todo da nosa banda para que esta irresponsabilidade se resolva, e que as nosas mozas e mozos teñan o ensino público que merecen e esta iniciativa, como a do Parlamento, é un novo paso na batería de iniciativas que levaremos adiante en defensa do ensino público de Soutomaior; concluíu.

O BNG levará ao pleno unha iniciativa para ampliar o IES de Soutomaior