O BNG preguntará no Parlamento galego sobre a Unidade de Atención a Persoas con Alzheimer de Moraña e sobre as instalacións deportivas de Mirallos

grupo municipal moraña
grupo municipal moraña
O BNG preguntará no Parlamento galego sobre a Unidade de Atención a Persoas con Alzheimer de Moraña e sobre as instalacións deportivas de Mirallos

Moraña, 11 de marzo de 2021. O Grupo Parlamentar do BNG, a través do deputado Luís Bará, rexistrará esta mesma semana dúas preguntas parlamentarias para que a Xunta de Galiza informe da situación na que se atopan a Unidade de Atención de Alzheimer e as obras nas instalacións de Mirallos no Concello de Moraña, xa que a día de hoxe ningunha destas actuacións está operativa nin realizada.

Nada se sabe da unidade de atención a persoas con Alzheimer que tiña que estar en funcionamento a principios de 2020 

A Xunta de Galiza e o Concello de Moraña presentaban conxuntamente o 4 de marzo de 2019 o proxecto da unidade de atención a persoas con Alzheimer para implantar no novo Centro Social de Alende en Moraña. A previsión da posta en marcha deste servizo terapéutico era para 10 prazas segundo se informou daquela. Tanto a Xunta como o Concello de Moraña teñen anunciado publicamente que esta unidade estaría en marcha a principios do ano 2020.A día de hoxe as obras do Centro Social están rematadas, pero o centro continúa pechado e nada se sabe da unidade terapeútica anunciada e comprometida pola Xunta de Galiza.

As obras do campo de fútbol de Mirallos non comezaron case un ano despois de ser adxudicadas 

Por outra banda, o 18 de xuño de 2019 asinábase o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Moraña para mellorar as instalacións deportivas de Mirallos. Este convenio prevía un orzamento de máis de 500.000 € que serían abonados pola Xunta de Galiza para a remodelación completa do campo de fútbol de Mirallos e mellorar os accesos desde o seu entorno. O 28 de abril de 2020 resolveuse pola Xunta de Galiza a adxudicación á empresa Sitexca 2016 SL Unipersonal, do contrato da Obra de mellora das instalacións deportivas no campo de fútbol de Mirallos en Moraña (Pontevedra) por un importe de 400.070,09 € e cun prazo de execución de 8 meses.Despois de todo isto, e xa no mes de xuño de 2020, colocouse o cartel da obra, mais case un ano despois da adxudicación a obra non comezou nunca e tampouco se sabe cales son os motivos.

O BNG acusa ao goberno municipal de Moraña de desleixo por non preocuparse polos proxectos postos en marcha para Moraña

Para o BNG a situación destas dúas actuacións representa a propia parálise do traballo do goberno municipal de Moraña, un goberno que de novo amosa que non se preocupa o máis absoluto polos proxectos postos en marcha para Moraña.

O Grupo Municipal do BNG de Moraña solicitaralle ao goberno municipal que se poña a traballar xunto coa Xunta de Galiza para que estes dous proxectos se desenvolvan coa máxima axilidade, xa que hai un retraso considerábel con respecto ao anunciado publicamente sobre a súa posta a disposición dos veciños e veciñas de Moraña. Consideramos que o goberno municipal debe traballar para desatascar proxectos e obras que eles mesmos anunciaron a “bombo e platillo”, pero dos que a día de hoxe nada se sabe.

O BNG preguntará no Parlamento galego sobre a Unidade de Atención a Persoas con Alzheimer de Moraña e sobre as instalacións deportivas de Mirallos