O BNG plantexa un Plan Xeral de Seguranza Viaria para a rede de estradas autonómicas centrado na mellora das travesías e da mobilidade peonil e ciclista

BARÁ SEGURIDADE VIARIA1
BARÁ SEGURIDADE VIARIA1
O BNG plantexa un Plan Xeral de Seguranza Viaria para a rede de estradas autonómicas centrado na mellora das travesías e da mobilidade peonil e ciclista

Poio, 13 de Muño de 2020. O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe que o BNG desenvolverá dende o Goberno galego despois do 12X un novo Plan Xeral de Seguranza Viaria para a rede de estradas autonómicas que terá como obxectivos prioritarios mellorar a mobilidade peonil e ciclista e resolver a violencia viaria localizada nas travesías urbanas. O nacionalista presentou as propostas en materia de mobilidade e seguranza viaria do Bloque ao pé da PO-308 en Poio, onde en clave local avogou por retomar o proxecto do ‘Vial Norte’ para aliviar o tráfico e poder urbanizar con calidade a zona de A Barca. 

Na batería de medidas para solucionar a violencia viaria que sofren as estradas autonómicas Bará destacou que é esencial realizar unha auditoría de toda a rede viaria, xa que ao seu entender nestes momentos hai treitos que son puntos negros de moita sinistralidade, poñendo como exemplo a propia PO-308, que acumula un grande número de accidentes e de mortes nos últimos anos. “Hai que coñecer exactamente cal é a situación, ter unha diagnose exacta e clara dos problemas que xa podemos percibir a simple vista”, subliñou. 

A partir de aí, explicou Bará, o BNG propón desenvolver un plan xeral de actuación de para a mellora da seguridade viaria centrada principalmente na mellora da mobilidade peonil e ciclista –por seren os dous colectivos máis vulnerables-, e con especial atención ás travesías urbanas, xa que é aí onde se producen a maior parte dos atropelos de peóns e a maior parte dos sinistros mortais. Segundo indicou, este plan desenvolveríase a oito anos vista, acometendo actuacións en fases por todo o país.

Redución da velocidade  

 
Xa en clave local, e concretamente con respecto á PO-308, Bará sinalou que é unha vía cunha elevadísima intensidade de tráfico nunha zona con moita intensidade urbana e de poboación, polo que subliñou que son necesarias actuacións urxentes e integrais.

 “Aquí o BNG propón, máis alá das actuación parciais que está a facer a Xunta de Galiza, unha actuación global de mellora da seguranza viaria con especial atención ao treito de A Barca, unha zona plenamente urbana, na que é imprescindible activar un proxecto que leva parado once anos, que é o ‘Vial Norte’ ou ‘Vial do Vao””, dixo, explicando que esa alternativa permitiría sacar o tráfico de paso da zona de A Barca e acometer outra actuación imprescindible que é a urbanización deste treito. “Dese xeito converteriamos a estrada nunha rúa, de maneira que se integre na trama urbana, que sexa unha zona urbanizada de calidade, con características plenamente urbanas e non dunha estrada de paso como é agora”, abondou. 

O cabeza de cartel para o 12X destacou que de maneira inmediata son necesarias medidas de redución da velocidade, “porque tal como está agora a PO-308 está habendo continuamente accidentes e atropelos e é unha situación que non se pode consentir. Un goberno do BNG actuaría inmediatamente para corrixir e cambiar o funcionamento desta estrada”, finalizou.

Bará realizou estas declaracións nunha visita ao concello de Poio, onde estivo acompañado polas concelleiras Marga Caldas e Raquel Fernández, e outros militantes do BNG.

 

O BNG plantexa un Plan Xeral de Seguranza Viaria para a rede de estradas autonómicas centrado na mellora das travesías e da mobilidade peonil e ciclista