O BNG presentou en Borela unha campaña informativa na comarca a favor dun plan eólico público, xusto, sustentábel, e que xere riqueza no territorio

O BNG presentou en Borela unha campaña informativa na comarca a favor dun plan eólico público, xusto, sustentábel, e que xere riqueza no territorio

Cerdedo-Cotobade, 24 de abril de 2021. O BNG está a desenvolver unha campaña a favor dun plan eólico público, xusto, sustentábel, que xere beneficios e emprego no territorio, e que serva para que Galiza teña unha tarifa eléctrica propia máis barata, por sermos excedentarios na produción de enerxía eléctrica. Neste contexto, o deputado Luís Bará, acompañado do responsábel comarcal do BNG, Demetrio Gómez e membros do BNG de Cerdedo Cotobade, encabezados polo portavoz municipal, Ernesto Filgueira e o responsábel Local, Anxo Santomé, desprazouse até Borela, onde está previsto a instalación dun parque eólico.

Nesta campaña o BNG está a denunciar tamén o que Bará denomina “boom eólico” promovido pola Xunta e o goberno do Estado, que é moi agresivo para o territorio, vulnera a normativa de protección do medio, non garante o dereito á información e á participación pública, incorre en fraude de Lei coa fragmentación de proxectos, e que supón o espolio da riqueza enerxética galega por parte de grandes empresas de capital foráneo.

“Estase xerando unha grande burbulla eólica no sector debido á voracidade das empresas e tamén aos movementos especulativos da banca e de fondos de investimento, que ven na renovábeis unha grande oportunidade de negocio, sen ter en conta os grandes impactos negativos no territorio e nas comunidades locais, onde se xeran moitos prexuizos”, afirmou o deputado nacionalista.

Como consecuencia das presas e da presión coa que se está a desenvolver esta megainvasión eólica, están proliferando proxectos de parques en todos os concellos, mesmo ocupando zonas de ladeira e de Val, competindo deste xeito cos usos residenciais e económicos tradicionais.

“Isto é o que está a acontecer no concello de Cerdedo-Cotobade, e concretamente en parroquias como Carballedo, Rebordelo ou Borela, que hoxe visitamos, onde hai movementos de empresas que promoven un parque eólico que vai ter graves impactos sociais, ambientais e urbanísticos”, afirmou o Luís Bará.

Un forte impacto no territorio

Hai que ter en conta que, ademais do impacto producido pola construción das pistas, das gabias, das canalizacións, da propia colocación dos aeroxeneradores, da construción de subestacións e liñas de evacuación enerxética, paralelamente prodúcese unha recalificación urbanística, moitas veces de centos de hectáreas -coñecida como “poligonal”- que converte solos de protección agrária e forestal en polígonos industriais.

Un modelo alternativo, respetuoso co medio e que xere riqueza no país

Por todos estes motivos, dixo Luís Bará, “o BNG considera necesario paralizar tanto o plan sectorial eólico como os parques concretos, e desenvolver un modelo alternativo que sirva aos intereses do noso país, que xere beneficios nas comunidades locais, que sexa xusto e sustentábel, minimizando ás afeccións aos valores ambientais, e promovendo a complementariedade con usos tradicionais, de maneira que a enerxía eólica xere rendas complementarias ás que xa producen outras actividades”.

Por último, o BNG quere denunciar o escurantismo co que se están a tramitar estes proxectos e a vulneración do dereito á información e participación. Por iso, afirma Bará, “o BNG esixe que a Xunta e os Concellos informen á cidadanía e se permita unha participación ampla das comunidades locais e de toda a sociedade na definición destes proxectos”

O BNG presentou en Borela unha campaña informativa na comarca a favor dun plan eólico público, xusto, sustentábel, e que xere riqueza no territorio