O BNG esixe información e transparencia sobre o accidente de Foresa

2019-03-30 17.33.34-Manuel Fariña-15505
O BNG esixe información e transparencia sobre o accidente de Foresa

Caldas, 23 de setembro de 2020. O accidente do pasado sábado, 12 de setembro, na planta de produción que a química FORESA ten en Caldas de Reis, liberou produtos químicos no ambiente que máis dunha semana despois seguen sentíndose en amplas zonas da comarca. A incidencia acumulada sobre a saúde e o benestar das veciñas e veciños está sendo moi ampla, provocando cadros de náuseas, mareos, proído de ollos e vías respiratorias e un intensísimo cheiro químico.

Máis dunha semana despois do accidente, nin empresa nin Xunta de Galiza, como responsable da xestión das emerxencias, ofreceron unha explicación convincente da evidencia, que non é outra cousa que un serio accidente industrial. Nin informaron dos produtos químicos emitidos á atmosfera, nin das concentracións acadadas, nin das consecuencias para a saúde pola exposición a estes produtos químicos, demostrando un absoluto desprezo pola saúde das veciñas e veciños que se viron afectados.

Chama poderosamente a atención que, malia tratarse dun accidente que tivo afectación máis alá dos límites da propia factoría e impactou negativamente na saúde das persoas en ningún momento se activou o Plan de Emerxencia Exterior de FORESA nin os responsables informaron á veciñanza.

O BNG esixe que se faga público un informe que aclare que produtos químicos se emitiron á atmosfera, que concentracións se rexistraron e que consecuencias poden ter para a saúde das persoas.

 

Os cativos comunicados que en boca de FORESA emitiron Protección Civil de Portas e os Concellos de Portas e Caldas de Reis son contraditorios e non explican en absoluto que máis dunha semana despois do accidente continúe no ambiente unha nube química que deixa tras de si importantes molestias ás veciñas e veciños. A cronoloxía dos comunicados publicados é a seguinte:

Sábado 12/09/2020 ás 15:17h., Protección Civil de Portas publica a seguinte entrada na súa páxina de Facebook: “Segundo informes dos responsables de Seguridade de FORESA INFORMAN QUE: Parece ser que hubo una pequeña fuga de fenol, sin riesgo para las personas, sólo el olor y algo de picor, que se quedó en el ambiente, ya está solucionado, e irá desapareciendo poco a poco!”.

Sábado 12/09/2020 ás 18:13h., Protección Civil de Portas publica outra entrada en Facebook co seguinte texto: “COMUNICADO DE F.O.R.E.S.A. "Debido a una avería en el sistema de refrigeración de agua se produce un producto no conforme (resina) fuera de especificaciones. Este se almacena en la balsa de emergencia de las instalaciones. A lo largo de la tarde el producto será retirado a través de gestores autorizados".

Sábado 12/09/2020 ás 18:43h., o Concello de Portas comparte na súa páxina de Facebook a primeira entrada de PC de Portas arriba transcrita e na que se indicaba unha fuga de fenol.

Luns 14/09/2020 ás 14:09h, o Concello de Portas publica en Facebook o seguinte: “Comunicado remitido pola empresa FORESA, en relacion aos feitos sucedidos o pasado sábado, 12 de setembro.

"INFORME INCIDENTE FORESA – 12/09/2020

El sábado, 12/09/2020, sobre las 10 de la mañana, se produce una incidencia que provoca que uno de los productos, esté fuera de especificaciones, haciéndolo inservible para el mercado.

Tal como establece el procedimiento interno para estos casos, este producto se trata como un residuo, siendo gestionado esa misma tarde, a través de transportistas autorizados para su gestión.

Durante este trasiego, ha podido producirse algún vapor no tóxico, que en ningún caso genera un riesgo para los trabajadores, vecinos o medio ambiente. El suceso no se corresponde con ninguna de las hipótesis o escenarios de activación del Plan de Autoprotección ni del Plan de Emergencia Exterior de la Planta, al no verse involucrados productos tóxicos o inflamables.

Desde el primero momento, Foresa mantiene comunicación con las autoridades pertinentes, para remitir información a partes interesadas."

Máis dunha semana despois as veciñas e veciños continúan a padecer as consecuencias do accidente.

Luns 14/09/2020 ás 15:30h. o Concello de Caldas de Reis publica en Facebook o seguinte: “O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, mantivo está mañá unha reunión co director de Foresa para valorar a situación producida o pasado sábado nunha das liñas de produción da empresa. Segundo a información facilitada por Foresa, unha incidencia mecánica menor provocou que un dos produtos quedase inservible para o mercado. Dentro do procedemento interno para estes casos, o produto foi tratado como un residuo seguindo todos os procedementos e sendo xestionado esa mesma tarde por un transportista autorizado para a súa xestión.

Durante o transporte puido terse producido o escape dalgún vapor non tóxico causante do cheiro. Este vapor en ningún caso xerou risco para os traballadores, para a veciñanza ou para o medio ambiente. Trátase dun suceso puntual e leve que non precisou da activación dos protocolos de autoprevención nin de emerxencia ao non verse involucrados produtos tóxicos nin inflamables.

O Concello mantén dende a fin de semana unha comunicación continua coa dirección de Foresa, que en todo momento mostrou máxima transparencia, co obxecto de contar minuto a minuto con toda a información sobre a situación”.

“O mínimo que debe esixírselle tanto á Xunta como a FORESA é información e transparencia, pois só así as veciñas e veciños poderán volver desfrutar dos seus fogares con tranquilidade” afirmou Manuel Fariña.

O BNG presentou mocións nos concellos de Caldas e Portas demandando, tanto á empresa como á Xunta, que aclaren o acontecido e informen á veciñanza.

“Cando unha empresa química está establecida tan próxima a núcleos de poboación como é o caso, vai no seu propio interese manter a máxima transparencia. Non pode permitirse romper o vínculo de confianza que ata agora podía existir coa veciñanza, a súa reputación e credibilidade están en xogo” sentenciou Arturo Fontán.

O BNG esixe información e transparencia sobre o accidente de Foresa