O DEPUTADO LUÍS BARÁ E CARGOS NACIONALISTAS PARTICIPARON NUN ACTO REIVINDICATIVO NAS PROXIMIDADES DA AUTOESTRADA

O BNG esixe do estado a baixada inmediata das peaxes da AP9

O BNG esixe do estado a baixada inmediata das peaxes da AP9

Pontevedra, 20 de febreiro de 2021. Cargos do BNG participaron hoxe nun acto de denuncia da aldraxe da AP9 no que esixiron ao goberno central a baixada inmediata das peaxes da AP9 e o cumprimento do acordo de investidura que prevé 4 actuacións en relación coa autoestrada:

  • Unha bonificación substancial das peaxes, cando menos coa gratuidade na viaxe de volta para persoas usuarias recorrentes
  • A compensación con cargo aos orzamentos do Estado das subas extraordinarias derivadas das obras de ampliación da ponte de Rande
  • A supresión da peaxe entre Redondela e Vigo
  • A transferencia da AP9 a Galiza

Cómpre lembrar que foi o voto decisivo do deputado do BNG Néstor Rego o que permitiu arrincarlle literalmente este acordo histórico ao PSOE, un acordo que rompe con décadas de subas abusivas das peaxes e que abre a porta a que esta infraestrutura sexa xestionada desde Galiza.

Segundo afirmou o deputado nacionalista Luís Bará, “non hai razóns para que se demore a aplicación destes acordos e, en todo caso, consideramos que se debe contemplar a aplicación retroactiva desde o 1 de xaneiro”.

Para reclamar o cumprimento do pacto e para acabar coa aldraxe da AP9, o BNG está a desenvolver unha campaña en todo o país que inclúe actos simbólicos, colocación de faixas e carteis. Paralelamente estase a desenvolver unha campaña explicativa e de denuncia dos beneficios multimillonarios obtidos tanto pola concesionaria como polo Estado, “os grandes beneficiarios do atraco diario que sofren as 20.000 persoas que utilizan a autoestrada”, segundo Luís Bará.

Para o deputado nacionalista, “a concesionaria leva ingresados máis de 1.000 millóns de euros de beneficios desde a privatización en 2003 aprobada polo PP de Aznar; mentres que o Estado obtivo máis de 2.300 millóns, dos cales 1.586 son resultado da privatización e máis de 700 proveñen dos ingresos fiscais por IVE e Imposto de Sociedades”

Bará afirmou que “O Estado non nos fai ningún favor: o que ten que facer é devolver parte do multimillonario negocio da AP9, do que é “socio” con AUDASA”.

Bará afirmou que “O Estado non nos fai ningún favor: o que ten que facer é devolver parte do multimillonario negocio da AP9, do que é “socio” con AUDASA”.

A campaña do BNG ten como obxectivo acabar cos abusos e co espolio da AP9, que para máis INRI está sendo explotada por fondos de investimento especulativos con sede en Canadá, Holanda e Reino Unido.

Segundo Luís Bará, “o BNG persegue un trato xusto para Galiza, que xa pagou de abondo a autoestrada e que vai ter que seguir pagando, se non lle poñemos remedio, até 2048, mentres que outras autoestradas da mesma época como a A7 entre Alacant e a fronteira francesa será gratuíta neste ano 2021. Por iso, o BNG vai seguir pelexando ate conseguir, máis pronto ca tarde, unha AP9 galega e libre de peaxes”.

O BNG esixe do estado a baixada inmediata das peaxes da AP9