O BNG demanda no Parlamento que a Xunta protexa e conserve o Pazo de Lourizán

2011-12-19 16.04.39-Pazo de Lourizán-11-12-19-0170-Acto Universidade

Luís Bará presentó diversas iniciativas no Parlamento para esixir ao goberno galego que cumpra a lei de patrimonio, que leve a cabo unha actuación de rehabilitación e posta en valor do edificio, e que faga un plan sobre os novos usos do Pazo centrados na investigación e divulgación ambiental

O BNG demanda no Parlamento que a Xunta protexa e conserve o Pazo de Lourizán

1 de xuño de 2021. O Pazo de Lourizán e os xardíns que o rodean constitúen un espazo histórico, artístico, botánico e ambiental de excepcional valía. O edificio principal, obra de Jenaro de la Fuente, está catalogado e conta con protección patrimonial.

O conxunto foi adquirido pola Deputación no ano 1940 e logo de diversas vicisitudes e usos foi cedido no ano 1991 á Xunta, que creou nesta finca o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, adscrito á Consellaría de Medio Rural desde 2009 (anteriormente estivo adscrito á Consellaría de Medio Ambiente, coa denominación de Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán, CIFA).

Actualmente o edificio do Pazo está nunha situación de absoluto abandono, e sofre un deterioro que mesmo pon en risco a estabilidade das cubertas e teitos.. No ano 2017, o Servizo de Arquitectura da Deputación Provincial realizou un informe sobre o estado do inmoble no que se informaba sobre o risco de desplome da cuberta, o  estado precario da galería, mal estado das carpintarías, humidades, invasión de vexetación, etc. Ademais, alertaba do riscos importantes na seguridade eléctrica con perigo de curtocircuítos. O informe tamén facía unha proposta de actuacións urxentes de conservación e incluía unha estimación económica das obras de rehabilitación e conservación que estimaba daquela en 14 millóns de euros.

Os convenio asinados nos anos 1991 e 2000 establecían un período de cesión de 30 anos, que rematou o pasado mes de xaneiro de 2021, se ben se aplicou a cláusula que prevía unha prórroga por 1 ano.  Por outra parte, a situación está pendente dun proceso xudicial, logo de que no pleno da Deputación de xullo de 2019 fose aprobada a presentación dun contencioso administrativo polo incumprimento reiterado pola Xunta da obriga de “efectuar as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre do conxunto, respectando o seu carácter artístico e monumental”.

Luís Bará esixe ao goberno galego que cumpra a lei de patrimonio, que leve a cabo unha actuación de rehabilitación e posta en valor do edificio, e que faga un plan sobre os novos usos do Pazo centrados na investigación e divulgación ambiental

Para o BNG “esta situación de abandono e deterioro non se pode seguir mantendo no tempo, tanto por razóns de seguridade, de garantía de integridade do edificio, de protección patrimonial, de estética e de exemplaridade das admnistracións públicas. E ademais dos danos e dos riscos derivados desta situación, estase privando a comarca de Pontevedra dun ben que podería ser, xunto cos xardíns, un importante elemento de dinamización turística, científica e ambiental”. 

En lugar de levar a cabo un proxecto propio para a recuperación rehabilitación e posta en valor deste conxunto, “o goberno galego intentou a súa privatización mediante a cesión a ENCE, nunha clara operación de deixación de funcións e de blanqueo da empresa pasteira”. En todo caso, nin o investimento previsto nin o proxecto anunciado eran acordes coa historia, coa situación, co significado e  coa proxección do conxunto, que ao entender do BNG debe ter unha xestión pública e unha vocación ambiental.

Iniciativas parlamentarias en forma de proposición non de lei e preguntas

Para frear este proceso de deteriro e abandono e iniciar unha nova etapa de protección e rehabilitación do edificio, o BNG demándalle á Xunta que leve a cabo estas tres actuacións:

  1. Levar a cabo con carácter inmediato os estudos e actuacións imprescindíbeis para a conservación, protección e mantemento do Pazo de Lourizán.
  2. Desenvolver unha actuación integral de rehabilitación e posta en valor do edificio, acordada previamente coa Deputación de Pontevedra.
  3. Realizar un estudo sobre os usos futuros do Pazo de Lourizán, centrados no ámbito da investigación, a educación e a divulgación ambiental arredor dos bosques, con especial atención aos bosques sustentábeis e á multifuncionalidade do monte.

Ademais, o deputado nacionalista Luís Bará formula preguntas ao goberno galego sobre a situación do edificio, as previsións de levar a cabo obras de conservación e mantemento, sobre os usos futuros e sobre se a Xunta prevé negociar coa Deputación a transferencia da finca ou a sinatura dun novo convenio.

O BNG demanda no Parlamento que a Xunta protexa e conserve o Pazo de Lourizán