O BNG APOSTA POR UNA ENERXÍA EÓLICA SUSTENTÁBEL, XUSTA E GALEGA QUE REVIRTA OS BENEFICIOS NO TERRITORIO E SEXA RESPETUOSA CO MEDIO NATURAL E CO PATRIMONIO.

O BNG de Cerdedo-Cotobade presenta alegacións aos parques eólicos de Siroco, Tramontana e Rula

20210722_122829
Presentación alegacións eólicos Cerdedo-Cotobade
O BNG de Cerdedo-Cotobade presenta alegacións aos parques eólicos de Siroco, Tramontana e Rula

Cerdedo-Cotobade, 22 de xullo de 2021. No día de hoxe, membros do BNG de Cerdedo-Cotobade veñen de presentar por rexistro alegacións a tres novos proxectos eólicos -que se unen ás xa presentada de Porto Vidros e Campo das Rosas- que afectan severamente ao termo municipal de Cerdedo-Cotobade: Tramontana, Siroco e Rula, os dous primeiros promovidos pola empresa Greenalia, e o terceiro por Green Capital Power.

O BNG leva meses realizando actos informativos por todo o concello, con grande resposta social,  nos que apostamos por una enerxía eólica sustentábel, xusta e galega que revirta os beneficios no territorio e sexa respetuosa co medio natural e co patrimonio. 

Por estes mesmos motivos denunciamos o espolio e a depredación que supón a avalancha incontrolada e sen planificación de proxectos eólicos, cuxo único obxectivo é engordar os beneficios das grandes empresas trasnacionais. 

“A normativa do Goberno do PP permite expropiacións deixando indefensos aos propietarixs dos terreos, permite a fragmentación artificial dos proxectos para facilitar a súa tramitación e deixa fora aos concellos a través da figura da supra municipalidade deixando fora da toma de decisión a administración máis próxima á comunidade que deberá soportar o impacto”, indicou Ernesto Filgueira

Os tres proxectos aos que vimos presentar alegacións teñen en común aspectos como:

  • Unha tramitación escurantista que afecta non só á veciñanza afectada senón tamén ás propias administracións. 
  • Tratarse en realidade de macro-parques, que se fragmentan artificialmente en varios parques máis pequenos para impedir unha correcta avaliación ambiental. 
  • Que os estudos de impacto ambiental -incompletos e segados- presentan serias incoherencias e ausencias clamorosas como a falta de estudos hídricos e hidroxeolóxicos.
  • Que repercuten negativamente na economía local, non só polos escasos beneficios que deixa no territorio, senón por afectar fortemente a sectores chaves como o forestal, o agrogandeiro ou o turístico.
  • Ter grande afectación sobre a fauna, a flora e o patrimonio, afectando a hábitats de interese comunitario prioritario.
  • Afectar a moitas vivendas e terras, que perderán valor ao atoparse encadradas dentro das poligonais dos parques eólicos. Hai que ter en conta que, ademais do impacto producido pola construción das pistas, das gabias, das canalizacións, da propia colocación dos aeroxeneradores, da construción de subestacións e liñas de evacuación enerxética, paralelamente prodúcese unha recalificación urbanística, moitas veces de centos de hectáreas -coñecida como “poligonal”- que converte solos de protección agrária e forestal en polígonos industriais 

O BNG -dixo Filgueira- “continuará loitando para mudar o modelo imposto polo goberno galego e o goberno do estado, e evitar que as galegas e os galegos sigamos sufrindo os custos mentres os grandes beneficios obtidos da produción enerxética van parar a mans alleas. É preciso desenvolver un modelo alternativo que sirva aos intereses do noso país, que xere beneficios nas comunidades locais, que sexa xusto e sustentábel, minimizando ás afeccións aos valores ambientais, e promovendo a complementariedade con usos tradicionais, de maneira que a enerxía eólica xere rendas complementarias ás que xa producen outras actividades”. 

“Hai que cambiar este modelo de portas xiratorias PP-PSOE no que o lobby eléctrico manda máis cos gobernos e apostar por un modelo con participación pública nos beneficios da riqueza eólica, no que os parques eólicos se vinculen a proxectos industriais que xeren emprego, e tamén por medidas como a tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz”, concluíu o portavoz nacionalista

O BNG de Cerdedo-Cotobade presenta alegacións aos parques eólicos de Siroco, Tramontana e Rula