O BNG acusa ao alcalde de Cerdedo-Cotobade de abandonar ás persoas de máis de 80 anos para non enfrentarse á Xunta de Feixóo

Ernesto Filgueira
Ernesto Filgueira
O BNG acusa ao alcalde de Cerdedo-Cotobade de abandonar ás persoas de máis de 80 anos para non enfrentarse á Xunta de Feixóo

Cerdedo-Cotobade, 23 de febreiro de 2021. O BNG de Cerdedo-Cotobade denuncia públicamente a situación de desamparo que está a sufrir a veciñanza maior de 80 anos por mor do proceso de vacinación contra a COVID19 iniciado este luns, xa que a Xunta de Galiza non tivo en conta as características xeográficas e demográficas do noso concello, un dos de maior superficie de Galiza, cunha poboación moi avellentada e dispersa, e cos servizos públicos espallados. 

No BNG non entendemos que a Xunta obrigue ás persoas maiores de 80 anos a se trasladar máis de 30 kms até Cerdedo cando o municipio conta con Centros de Saúde de referencia tanto en Carballedo como en Tenorio, moito máis accesíbeis para os veciños e veciñas das parroquias máis próximas. 

Ernesto Filgueira: “Recollemos o cabreo dos nosos maiores diante da distancia que teñen que percorrer para inocular a vacina contra a covid19 até o PAC de Cerdedo.  Esta ubicación escollida pola Xunta de Galiza implica que en moitos casos se teñan que desprazar máis de 30km cando no concello contamos con tres Centros de Saúde de referencia equidistantes entre as parroquias dos dous territorios identitarios do actual municipio”.

Hai que ter en conta que o concello non conta cun servizo de transporte público regular interparroquial, polo que, aquelas persoas maiores que viven soas ou sen familiares que os poidan desprazar ata Cerdedo vense obrigadas a dispoñer dun taxi e soportar un custe extra de mobilidade entre os 30 e os 60€ cando teñen as pensións máis baixas do Estado e son a parte da poboación municipal mais vulnerábel.

Para o BNG é incomprensible que, diante desta situación, o alcalde Jorge Cubela cale e se poña de canto, deixando á súa sorte ás persoas maiores e non reclame un plan de vacinación adaptado á realidade de Cerdedo-Cotobade, tal e como fixo para o concello da Lama o seu homólogo Jorge Canda. Polo tanto, pedímoslle a Cubela que reconsidere a súa actitude e que “como alcalde protexa os intereses da veciñanza reclamándolle á Xunta de Galiza un plan de vacinación adaptado ás características territoriais do concello coa mesma celeridade coma se este proceso fose responsabidade da Deputación de Pontevedra. É un tema o suficientemente importante como para deixar os intereses individuais e partidistas a un lado”.

Ernesto Filgueira: “Un concello rural non se fai sumando unilateralmente quilómetros cadrados de superficie senón aportándolle servizos públicos dignos que permitan unha vida plena, de calidade e que fagan comunidade”.

 

O BNG acusa ao alcalde de Cerdedo-Cotobade de abandonar ás persoas de máis de 80 anos para non enfrentarse á Xunta de Feixóo