Barro adxudica o servizo de axuda no fogar por importe de 405.000 euros

Barro adxudica o servizo de axuda no fogar por importe de 405.000 euros
Barro, 29 de xullo de 2021. No Pleno ordinario do Concello de Barro celebrado onte deuse luz verde á adxudicación do contrato de axuda no fogar á empresa IDADES S.L. por un importe anual de 405.000 euros, dos cales arredor de 100.000 euros serán financiados con fondos propios do Concello de Barro. 

O servizo de axuda no fogar presta na actualidade 2.170 horas de asistencia a máis de 50 veciños e veciñas de Barro e supón un esforzo económico por parte do concello a pesar de ser un servizo que non lle corresponde. 

Aprobado o proxecto de recuperación e acondicionamento da contorna do parque da natureza da Ría de Barosa

No Pleno tamén se aprobou unha modificación do Proxecto de recuperación e acondicionamento da contorna do parque da natureza da Ría de Barosa para cumprir coas exixencias tanto de Patrimonio como de Augas de Galicia para poder sacalo a contratación. Con esta modificación o orzamento base de licitación do proxecto increméntase ata os 116.000 euros e foi aprobado cos únicos votos en contra do Partido Popular. 

Reforma do pavillón polideportivo de Santo Antoniño

O Goberno municipal redactou un proxecto de reforma do pavillón polideportivo de Santo Antoniño para resolver problemas estruturais que se levan sufrindo nos últimos tempos. 

Este proxecto, que ten un orzamento de 288.318.22 euros, contempla o cambio da cuberta, xa que a actual está en moi mal estado e con continuas as filtracións de auga, a implantación dun novo e eficiente sistema de auga quente a través da instalación dun sistema de aerotermia e a implantación dun sistema eléctrico de baixo consumo, ademais de actuacións tanto para mellorar a accesibilidade como de mellora de pavimentos, teitos e pinturas. 

No Pleno acordouse solicitar con este proxecto unha subvención á Deputación de Pontevedra dentro do programa Readpon. A solicitude desta subvención foi aprobada cos votos a favor do BNG e do PSOE e cos votos en contra do PP.

Barro adxudica o servizo de axuda no fogar por importe de 405.000 euros