Bará: “O BNG porá en marcha na Xunta un goberno galego a favor da innovación, da investigación e da creatividade”

BARÁ SETGA3
Bará: “O BNG porá en marcha na Xunta un goberno galego a favor da innovación, da investigación e da creatividade”

Pontevedra, 9 de xullo de 2020.“O BNG porá en marcha na Xunta un goberno galego a favor da innovación, da investigación e da creatividade”. Así o manifestou hoxe o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, nunha visita á empresa Setga, unha firma especializada no desenvolvemento de luminarias cuxa traxectoria despegou coa transformación urbana da cidade de Pontevedra e que a día de hoxe contra con contratos millonarios para instalar a iluminación en cidades como Amsterdam.

Bará -acompañado polo tamén candidato Manuel Lourenzo, polo alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, e das concelleiras Eva Vilaverde, Carme da Silva e Demetrio Gómez-  asegurou que Setga “é un exemplo dun país que cre en si mesmo, que aposta pola creatividade, pola innovación con confianza en si mesmo, que ten unha traxectoria de éxito en paralelo ao modelo de Pontevedra e que demostra que hai unha Galiza puxante que pode ter éxito aquí e no mundo”. 

Partindo desa visión exemplificadora,  Bará destacou que o BNG ten unha proposta para unha Galiza con futuro e que debe desenvolverse a partir da industria, “dunha industria radicada no territorio, que aposte pola diversificación e pola especialización e que teña un efecto multiplicador desde creación de sinerxias coa industria auxiliar”, como o caso de Setga, explicou, que traballa con empresas de Pontevedra, Vigo, Ourense, Padrón ou A Coruña.

Luís Bará asegurou que Galiza debe  desenvolverse a través dunha industria que aposte pola diversificación, a especialización e o desenvolvemento sustentable

O cabeza de cartel tamén salientou que o BNG dende a Xunta porá en marcha  que un goberno galego a favor da innovacíón e da creatividade “porque a investigación e a innovación nos parecen clave para o futuro, apostando tamén por xente nova e preparada”, destacou, indicando que na propia Setga o plantel está formado por enxeñeiros e enxeñeiras cunha media de pouco máis de 30 anos que están traballando aquí e xerando riqueza no Concello de Pontevedra. Subliñou, así mesmo, que o modelo do BNG tamén aposta polo desenvolvemento sustentable e economía de quilómetro cero procurando a redución do impacto ambiental na produción e na realización dos proxectos.

En clave electoral, Bará destacou que está en marcha a recta final dunha campaña que denominou como a campaña da ilusión “porque o BNG de Ana Pontón está mobilizando a enerxía e a esperanza dun pobo”, xa que ao seu entender, “hai milleiros de persoas de todas as idades e condición que están sumándose ao cambio galego, que queren a un país que teña á fronte unha presidenta con ideas novas para saír do letargo e do desánimo”.

Bará afirmou que “está nacendo unha nova Galiza, un país con ilusión e valentía que o domingo 12X vai encher as urnas de voto para o BNG”

“Está en marcha un novo ciclo político, un cambio de era que non só é un cambio político ou electoral, senón que é todo un cambio mental porque está nacendo unha nova Galiza, un país con ilusión, con confianza en si mesmo, con determinación e valentía que o domingo 12X vai encher as urnas de voto para o BNG”, subliñou.

 

Bará: “O BNG porá en marcha na Xunta un goberno galego a favor da innovación, da investigación e da creatividade”