CON UNHA INCIDENCIA ACUMULADA DE 108 CASOS POR CEN MIL HABITANTES ESTÁ MOI POR DEBAIXO DOS 150 QUE É A CIFRA PARA PASAR A NIVEL BÁSICO

O alcalde de Barro exixe á Consellaría de Sanidade que non discrimine a Barro coas restricións

17-11-13-Abraldes
O alcalde de Barro exixe á Consellaría de Sanidade que non discrimine a Barro coas restricións

Barro, 11 de decembro de 2020. Na reunión mantida o pasado mércores polo alcalde e os demais concellos da área de Pontevedra, os responsables da Consellería de Sanidade confirmáronlle a boa evolución dos datos en Barro e que, de manterse así -dixeron, "o venres no caso de reunirse a subcomisión técnica levantarían as restricións especiais, pasando a nivel básico", pois os datos dese día xa situaban a Barro en 135 de incidencia acumulada.

En canto o alcalde se enterou esta mañá de que non incluirían a Barro na relación de concellos nos que se levantan as restricións especiais, chamou ao xerente do SERGAS para que lle dese as oportunas explicacións. Confirmáronlle que a día de hoxe unicamente hai 6 casos activos e que a incidencia acumulada a 14 días (a  base sobre a que deciden para quitar ou pór restricións) é de 108. Cifra que está por debaixo dos 135 do pasado mércores e moi por debaixo dos 150 que é a cifra da que había que baixar para pasar ao nivel básico, que é o que teñen Moraña, Caldas, Portas e a maioría de concellos do país que non teñen restricións especiais.

Abraldes recalca que a decisión da Xunta de manter as restricións, a pesar de que os seus propios datos indican o contrario, ten graves consecuencias económicas no concello, polo que exixe que se corrixan inmediatamente

O xerente non soubo darlle unha explicación, máis que referir que puido ser un erro na valoración dos datos de Barro e que ía falar cos responsables da Consellería en Santiago para intentar corrixir ese erro. 

Abraldes manifestoulle que sempre se mostrou respectuoso coas decisión técnicas que tomaba a Xunta, a pesar de non compartilas moitas das veces, xa que como alcalde non é quen ten que tomar esas decisións, pero o que non acepta é a discriminación que fai que Barro teña que estar sufrindo restricións especiais cando hai moitos concellos con igual ou peor situación sanitaria que non as teñen. 

Tamén lle transmitiu que esta decisión ten consecuencias económicas para moita xente de Barro polo que se non é por motivos sanitarios hai que corrixila de forma inmediata para que Barro non teña que sufrir un agravio con respecto a outros concellos. 

O alcalde de Barro exixe á Consellaría de Sanidade que non discrimine a Barro coas restricións