2000 profesionais da arquitectura e o urbanismo interesados en México no modelo Pontevedra

Público asistente 5
Público asistente

A lección magistral de Miguel Anxo Fernández Lores sobre a transformación de Pontevedra suscita a atención de 2000 profisionais da arquitectura e o urbanismo en Cidade de México

2000 profesionais da arquitectura e o urbanismo interesados en México no modelo Pontevedra

Ante un auditorio de arredor 2.000 persoas (a gran maioría profesionais do urbanismo e da arquitectura e estudantes), o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores ofreceu unha conferencia sobre a cidade do Lérez no foro Mextrópoli, Festa da Arquitectura e Cidade, que se desenvolve no Teatro Metropólitan de Ciudad de México, e que concita miradas internacionais que acoden a este foro a ofrecer a súa visión sobre a arquitectura, o urbanismo e o crecemento das cidades.

Na súa intervención, de media hora de duración, o alcalde non quixo dar receitas de como crear unha cidade para todos “cada unha ten que seguir o seu propio camiño”, pero si que defendeu que “todos coincidimos en querer crear cidades sostibles”. As receitas de Pontevedra suscitaron a atención e a sorpresa do público que seguiu moi atento as explicacións dun modelo holístico centrado, fundalmentalmente, na xestión dos espazos públicos, na xestión da auga, do aire, dos residuos e dos espazos naturais.

 

Entrevistado por Arquine

A continuación, o alcalde foi entrevistado por Francisco Brown, arquitecto e deseñador de Manhattan e correspondente en Nova Iorque da revista especializada Arquine, adicada á construción da cultura arquitectónica, xerando contidos especializados dende diferentes ámbitos: revistas, redes sociais, radio, concursos, congresos, festivais, posgraos ou libros.

O xornalista amosouse interesado en como se pode “replicar unha cidade” como a de Pontevedra, ao que o alcalde centrou a súa resposta sobre dous piares: a recuperación do espazo público e apostar por cidades compactas. Como pasou da teoría á práctica ou como participa a iniciativa privada de todo este modelo e a actual xentrificación das cidades, foron outras das cuestións polas que se interesou o traballador de Arquine.

Fernández Lores aseguroulle que os dous sectores teñen o seu papel: se a parte pública ten ben definidas a regras de xogo e ten suficiente oferta de solo, pode chegar a influír no prezo da vivenda. Son dúas forzas que se complementan, pero sempre hai que ter en conta que non se pode deixar á cidade en mans dos intereses privados como é o caso dalgunhas grandes urbes do mundo na actualidade. 

2000 profesionais da arquitectura e o urbanismo interesados en México no modelo Pontevedra