Pontevedra presenta en Escocia o Efecto PO2

Anabel en Glasgow

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, avoga pola internacionalización do Modelo Pontevedra na Cumbre 'Healthy Streets 2019' celebrada na cidade escocesa de Glasgoe

Pontevedra presenta en Escocia o Efecto PO2

Coñecer experiencias contrastadas e de éxito no deseño dunha mobilidade urbana sustentable e que promova un hábitat máis saudable para a cidadanía, é o obxecto da Cumbre Internacional 'Healthy Streets 2019' que se está a celebrar na cidade escocesa de Glasgow. A participación de Pontevedra como exemplo de 'cidade pioneira' nesta materia foi cualificada por Anabel Gulías como "indicativo da necesidade de dar a coñecer e extender modelos e prácticas que están funcionando e dando solución aos grandes problemas que plantexan as cidades hoxe en día: tráfico excesivo, contaminación do aire e acústica, falta de seguridade viaria, e deterioro da calidade de vida tanto da veciñanza como dos visitantes".

A concelleira de Promoción da Cidade, que participou no programa oficial nunha mesa redonda específica sobre "cidades saudables pioneiras" asegurou que "tras o incremento de solicitudes para amosar o Modelo Pontevedra no exterior, somos cada vez máis conscientes de que a nosa experiencia é importante para promover outros modelos urbanos alternativos, que busquen un cambio de paradigma e prioricen ás persoas". Neste sentido, Gulías situou a presenza de Pontevedra nesta Cumbre como parte da internacionalización que se pretende acadar a través da campaña Efecto PO2. "Esta campaña foi creada moi recentemente para recoller, con rigor e de xeito didáctico, todo o traballo realizado durante as dúas últimas décadas e difundilo, tanto a nivel local como internacional" explicou Anabel Gulías no Glasgow City Chambers (Casa do Concello), lugar no que se está a celebrar o Cumio.

Entre os datos salientables da campaña PO2, Anabel Gulías puxo enriba da mesa o descenso das emisións de CO2 nun 67%; a redución do número de coches que circulan actualmente pola cidade, que se sitúa en 7.000 fronte aos 80.000 de 1999; ou a limitación da velocidade a 30km/h no perímetro da cidade e a 20km/h nas rúas de plataforma única. Mais o que máis impacto creou no auditorio foron os resultados amosados tras o calmado do tráfico: cero mortos por atropello desde 2011, a creación da rede de camiños escolares, a celebración de preto de 1.000 actividades ao aire libre ao longo do ano, a accesibilidade universal e o incremento dos desprazamentos a pé en máis do 65%. Estas cifras unidas ás imaxes das rúas de Pontevedra ateigadas de coches de antes de 1999 contrastadas coas imaxes das rúas ateigadas de xente na actualidade, suscitaron un grande interese tanto entre as e os asistentes como entre a organización.

A xornada desta tarde estivo presentada pola alcaldesa de Glasgow, Susan Aitken, que explicou durante a súa intervención que con este Cumio pretenden concienciar sobre a necesidade de apostar polo espazo público para as persoas e asegurou que, desde as pequenas intervencións peonís que teñen realizado na zona centro, esperan seguir traballando "non só nos vindeiros cinco anos, senón nos vindeiros cincuenta" ata acadar unha intervención integral de toda a cidade. Susan Aitken centrouse no que denominou o informe "imaxinación pública", documento no que o concello de Glasgow recolle a filosofía dun espazo público 'imaxinado' (como ideal de futuro) que se concibe como "unha ferramenta para equiparar e igualar socialmente", porque segundo indicou "onde se mellora o espazo público mellora a calidade de vida e as oportunidades para a poboación, incluídas as oportunidades laborais".

Pontevedra presenta en Escocia o Efecto PO2