O BNG urxe á restauración da ponte de Portamuíños (Cerdedo) para evitar o seu colapso

Captura de pantalla 2020-10-15 a las 18.16.24
Ponte de Portomuíños
O BNG urxe á restauración da ponte de Portamuíños (Cerdedo) para evitar o seu colapso

Cerdedo-Cotobade, 16 de outubro de 2020. O portavoz do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira Touriño, recollendo a reclamación e preocupación pública feita polo colectivo Capitán Gosende, vén de solicitar do alcalde, Jorge Cubela, que actúe con celeridade para evitar o colapso da ponte de Portamuíños.

Esta ponte, situada no Camiño das Raposeiras que comunica os lugares de Melide e Cavenca presenta na actualidade graves problemas estructurais, cun dos dous piares de apoio do taboleiro con importantes desperfectos, que pon en perigo a propia estructura e a integridade dos transeúntes. Os desperfectos van asociados ás correntes do río que levaron por diante un dos catro perpiaños que formaban o tallamar arredondado así como a cachotería de apoio entre él e a base da estructura datada en 1933.

Perante a situación de perigosidade da ponte, da chegada da época de choivas así como pola súa impronta histórica, cultural e etnográfica  e de utilidade pública para a vida veciñal e sendeiristas das rutas -Sarmiento e Cavenca-Cavadosa- é urxente a súa intervención e restauración -acorde coa pedra e estructura tradicional- a fin de evitar o seu inminente derrubamento.

Ademais de urxir a restauración da ponte de Portamuíños, Ernesto Filgueira reclamou coidar máis o patrimonio e acometer tarefas de limpeza, consolidación e restauración nas pontes medievais de Pedre e Parada sobre o Río Lérez e nas pontes de Arén, Limeres e Cervas. 

Para abordar este e outros temas de calado para a veciñanza de Cerdedo-Cotobade, Filgueira volveu insistirlle ao alcalde na necesidade de convocar unha xunta de portavoces.

O BNG urxe á restauración da ponte de Portamuíños (Cerdedo) para evitar o seu colapso