Na procura dunha solución global arredor das estacións de autobuses e ferrocarril

20161010-Intermodal-Pontevedra-1-1, LORES, CÉSAR MOSQUERA
Reunión concello de Pontevedra e Xunta

A reunión mantida entre representantes do goberno municipal de Pontevedra e a Xunta de Galiza a respeito das estacións de ferrocarril e autobuses foi un encontro construtivo e satisfactorio para as dúas partes, e terá continuidade nas próximas semanas.

Na procura dunha solución global arredor das estacións de autobuses e ferrocarril

A reunión mantida entre representantes do goberno municipal de Pontevedra e a Xunta de Galiza a respeito das estacións de ferrocarril e autobuses foi un encontro construtivo e satisfactorio para as dúas partes, e terá continuidade nas próximas semanas. O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, acompañado do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera reuniuse cos conselleiros en funcións de Infraestruturas Vivenda, Ethel Vázquez e Presidencia, Alfonso Rueda, e técnicos das dúas administracións co fin de valorar unha conexión peonil directa entre as estacións de autobús e ferrocarril e a reordenación da mobilidade na zona.

A Xunta chegou a reunión con catro propostas de conexión intermodal deseñadas por unha consultora: un túnel, unha pasarela aérea, un paso a nivel e un paso mixto soterrado e a nivel. Pola súa banda o Concello puxo sobre a mesa o interese municipal por mellorar a accesibilidade e mobilidade peonil na zona dun xeito integral e a necesidade de facer unha reforma en profundidade da terminal de autobuses. Un interese que calou na delegación autonómica, que recolleu a luva e avaliará o plantexamento global do Concello de Pontevedra.

“Esta é unha zona moi importante para o Concello. Aí chegan moitos visitantes, pasa por ela o Camiño Portugués a Santiago e ten un problema de accesibilidade, de mobilidade peonil e de seguridade” sinalou o alcalde Miguel Fernández Lores, quen valorou o feito de que “imos a darlle unha voltiña” á proposta de intermodalidade co fin de “procurar unha solución definitiva nun espazo que require unha actuación global”.

Hai que valorar, mellorar se é factible e consensuar cuestións como, por exemplo, unha posíbel conexión directa entre a estación de autobuses e a avenida Josefina Arruti -“o que axilizaría a entrada e saída de autobuses, diminuiría os tráficos perigosos na zona e facilitaría a conexión peonil das terminais de tren e autobús”- ou proxectos como levantar unha parte do río Gafos, recuperar o paseo do Gafos e potenciar toda esta zona. “Paga a pena agardar unhas semanas acadar un proxecto que nos satisfaga a todos e sobre todo aos cidadáns de Pontevedra”, engadiu o alcalde.

Na procura dunha solución global arredor das estacións de autobuses e ferrocarril