Lores: "O modelo de cidade contribúe a ter unha economía local forte"

LORES, CIDADES QUE CAMIÑAN, MOBILIDADE
Asistentes ao Congreso Cidades que Camiñan, en Torrelodones
Lores: "O modelo de cidade contribúe a ter unha economía local forte"

Pontevedra participou hoxe no IV Congreso da Rede Cidades que Camiñan no concello de Torrelodones, en Madrid, dentro dunha mesa redonda sobre boas prácticas, coa ponencia “Cidade que camiña, cidade que crece”, a cargo do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e na que se amosou que construír unha cidade amábel non é incompatible con ter unha economía forte.

Na súa intervención o alcalde refrescou os principais elementos constituíntes deste modelo integral de cidade iniciado no ano 1999 e que buscaba devolver á cidade para os veciños de Pontevedra. A inversión das prioridades, a accesibilidade universal, a limitación da velocidade a 30km/h ou a 20km/h, a instalación de 300 pasos de peóns elevados, a creación de 35 rotondas disuasorias, a promoción da mobilidade natural (a pé, en bici, a mobilidade infantil), a creación dunha rede de estacionamento de balde e de pago, ou a instauración do concepto “estacionamento de servizos, máximo 15 minutos”.

Tomáronse decisións políticas como que Pontevedra siga sendo unha cidade compacta, que tivo especial impacto no comercio. Nunha pequena enquisa que realizou o Concello para medir a mobilidade na cidade conclúese que a economía terciaria incementou até o 40,6% dende 1999, é dicir, 7,2 puntos.

A economía local creceu entre 2005 e 2015, a pesar da crise, un 42,9% o número de actividades económicas pasou de 10.641 a 15.215.

Unha enquisa a pé de rúa revelou que o 91,5% das persoas compra sen subirse ao coche, nos supermercados de proximidade. O 11% emprega o coche para comprar alimentos, o 18% emprégao menos de 4 veces ao mes, e o 15,6% emprégao de 4 a 8 veces.

Das persoas que veñen de fóra da cidade é o 37,8% emprega os parkings subterráneos de pago, e o 32,4% emprega os parkings de balde. O resto chega camiñando, en transporte público ou en coche compartido.

O alcalde de Pontevedra fixo esta intervención nunha mesa de boas prácticas integrada por outros cinco concellos máis: Córdoba, Ciudad Real, Torrelodones, Carballo e Puebla de Cazalla.

No IV Congreso das Cidades que Camiñan tamén se realizaron obradoiros sobre a velocidade 30km/h, a accesibilidade universal, ou a participación infantil, e presentáronse os libros Andando al Cole en Torre (Concello de Torrelodones) e Manual de Movilidad Peatonal: Caminar en la Ciudad (Alfonso Sanz). 

Lores: "O modelo de cidade contribúe a ter unha economía local forte"