Intervención de Lores na apertura da XXX Semana Galega de Filosofía

Intervención de Lores na apertura da XXX Semana Galega de Filosofía

Queridas amigas e amigos

Benchegados a Pontevedra

É unha alegría ver como comeza de novo esta Semana Galega de Filosofía que chega á súa trixésima edición tan vizosa e esperanzadora coma cada ano.

Vides falar de asuntos trascendentes e vitáis para a cidadanía, como este ano faredes coa memoria, sen dúbida unha das máis necesarias enerxías para nos facer fortes e optimistas para conquistar un futuro mellor.

Regresades a este cálido recinto do Teatro Principal despois de que o poder político ao servizo dos grandes intereses capitalistas se merendase as institucións financieiras públicas dos galegos.

Institucións hoxe convertidas en simples marcas que non se atreverán a converter nunha auténtica banca pública, como moitos desexaríamos e propuxemos.

Cando a Caixa era unha institución de todos, colaboraba neste e noutros moitos eventos culturais e sociais.

Hoxe, expulsa á cultura dos seus espazos e mercantiliza os lugares que ata onte mesmo eran escenarios de todos e para todos, grazas aos beneficios que producía o abnegado aforro da cidadanía deste país.

Chegará un intre en que non lembremos que en Galiza houbo un día institucións financieiras públicas que revertían unha parte dos seus excedentes na cultura e o benestar de todos e todas.

En pouco tempo teremos esquecido ese espléndido chanzo financieiro que eran as Caixas, a nosa acaída banca pública, mortas de morte provocada por algúns ladróns e algúns dirixentes políticos sen confianza no país nen no xénero humano, só guiados pola avaricia e a cruel natureza do capitalismo, que só atende aos negocios dos poderosos e á usura dos recursos económicos do planeta.

E por qué esqueceremos isto? Porque o propio sistema xenera antídotos contra a memoria.

Vivimos colectivamente enganchados a unha audaz dinámica do esquecemento, a unha auténtica violencia semántica que dificulta a construción dunha conciencia crítica, que complica calquera alternativa que non adore e entronice ao sistema liberal.

Un sistema económico inxusto, antidemocrático e insolidario, en batalla permanente contra calquera intento de expresión soberana dos pobos e a cidadanía.

Antes de facerse evidente a crise actual, moita xente vivía aparentemente feliz nun sistema que nos obriga a consumir máis do necesario, que malgasta materias primas e maltrata á natureza, que practica a inxustiza económica, a crueldade material e mesmo espiritual, que nos arrebata a dignidade persoal ao converternos en suxeitos consumidores e nos explota como asalariados cada vez con menos dereitos, para beneficio dunhas elites que ven medrar as súas fortunas por graza e obra da globalización, do trunfo absoluto do capitalismo sen fronteiras para o diñeiro e a especulación.

Tras ese mundo oficial gobernado polo diñeiro e as grandes finanzas está a memoria roubada, a eiva máis importante da persoa.

Un mundo virtual que se abre ante nós cando nos situamos diante das nosas pantallas, dos medios que nos fornecen dun incesante espectáculo que selecciona só o que interesa ao sistema, esquecendo outras verdades moito máis significativas e útiles para o beneficio humano.

Permitídeme que vos fale humildemente dun dos piares fundamentais da transformación da cidade de Pontevedra, un concepto que parece unha abstracción, pero que fai de soporte de todos os demáis.

Ese piar fundamental ao que me refiro é precisamente a memoria, palabra darredor da que ides reflexionar durante esta Semana de Filosofía.

Memoria para saber que fumos e que queremos chegar a ser, para ocupar un lugar no planeta, para abrazar o mundo contemporáneo valorando e interpretando a herdanza de séculos de evolución.

Memoria para restaurar o antigo esplendor da cidade como espazo público, para recuperar aquelas prazas e rúas que pertencían ás persoas antes de ser invadidas polos automóbiles.

Memoria para interpretar a esencia urbanística e paisaxística do noso contorno, para recuperar espazos naturais hoxe degradados como o que ocupa Ence, entre unha ría paradisíaca e produtiva e a que é sen dúbida a colección botánica máis senlleira de Galiza, a do Pazo de Lourizán.

Memoria para recuperar a paisaxe forestal, inzada dunha caótica e abrumadora presenza de eucaliptos, que fóron substituíndo en poucos anos ás fragas, os soutos, os bosques tradicionais deste país empobrecendo o monte tanto biolóxica como materialmente.

Memoria para dar nova vida ao patrimonio construído, para actualizalo e facelo atractivo e útlil para nós, para impulsar novos valores para a vida de hoxe.

Memoria para que habitats como as parroquias e os lugares inseridos na paisaxe continúen a manter unha escala social e humana que non lles obrigue a perder o carácter que os fai únicos e irrepetíbeis.

Memoria para recuperar a identidade galega da cidade de Castelao, de Bóveda, con outros moitos nacionalistas do primeiro tercio do século XX, personalidades imprescindibles na Galiza actual, que fóron asesinados ou ninguneados na espiral de odio e aldraxe que o franquismo proxectou durante tantos anos.

Memoria para manter viva a esencia republicana, para honrar as víctimas dos crimes que producíu a conspiración fascista do 36, para intentar recuperar os azos e as luces que o franquismo cortou de raiz.

Memoria para resituar a tantas veces negada historia de Galiza no lugar que debe ocupar na educación das novas xeracións, eivadas de coñecer aspectos esenciais do noso ser colectivo.

Intervención de Lores na apertura da XXX Semana Galega de Filosofía