Discurso de Lores no acto de celebración do Premio ONU-Habitat

Discurso de Lores no acto de celebración do Premio ONU-Habitat

premio_onu-20-480x320

“Este premio ONU Habitat-Dubai Award énchenos de lexítimo orgullo a todos os pontevedreses. Entre todos fomos quen de acadar “un modelo de cidade centrado nas persoas”, hoxe refrendado por este prestixioso premio. En tempos de dificultades económicas e sociais, este recoñecemento mundial dáranos forzas para seguir adiante, será un gran impulso para avanzar con mais decisión”.

Estas foron as primeiras palabras coas que esta Alcadía agradeceu o premio trala a súa recepción na cerimonia de Dubai.

Énchenos de lexítimo orgullo a todos os pontevedreses, porque fomos capaces, contra vento e maré, de levar adiante un proxecto colectivo, que bebeu de todas as fontes e experiencias, pero que foi concibido, adaptado, deseñado e executado para unha realidade moi concreta, á realidade da nosa Pontevedra.

Un modelo propio de Pontevedra, un proxecto criado en Pontevedra, de Pontevedra para Pontevedra.

Énchenos de lexítimo orgullo a todos os pontevedreses de ben, porque demostramos ter a capacidade de enxergar un camiño propio, de levar adiante unha alternativa acaída para a nosa cidade sen caer no seguidismo de imitar solucións alleas, nen percorrer, tarde, mal e arrastro camiños supostamente cómodos e trillados, se acaso válidos para outras cidades, pero inaxeitados para Pontevedra.

O máis importante somos as persoas, os seres humanos; as cidades deberían estar feitas a medida das persoas pero, por desgraza, non o están. Pór as persoas no centro da vida da cidade foi o motivo do premio que a ONU Habitat concedeu a Pontevedra.

Pontevedra fixo o máis difícil, agora ven o máis importante

Algo tan lóxico e sinxelo, como facer unha cidade para os cidadáns, na realidade resulta moi dificil, sumamente escaso, e merecente de premio, como asi o entendeu o Xurado do ONU Habitat-Dubai Award.

Pontevedra ten feito o mais difícil, ten pasado con éxito as primeiras e duras etapas da construción dunha nova cidade alternativa. Pontevedra está colocada nos circuitos nacionais, estatais e internacionais como un referente de calidade urbana.

As posibilidades de proxección son tan enormes como impensábeis hai uns anos. Nun mundo tan competitivo, no que cada cidade ten que aportar algún atractivo diferencial potente, Pontevedra está moi ben situada cara o futuro.

Agora resta o mais importante, consolidar esta posición, extendela, acela cada vez mais universal. E, paralelamente, fomentar e canalizar axeitadamente os retornos de todo tipo, especialmente de xeración de riqueza e emprego, desta grande proxección de Pontevedra.

Levará algún tempo, pero debe facerse coa máxima rapidez. Outras cidades están a encetar este camiño da calidade urbana e pronto poderán ser competidoras de Pontevedra. Sería un tremendo erro durmirse nos loureiros e desaproveitar esta oportunidade, esta posición favorábel na que logramos, entre todos, situar a Pontevedra.

Este recoñecemento mundial debe darnos forzas para avanzar, incluso nestes intres de graves problemas sociais e económicos. É un espaldarazo do máximo valor. Ninguén podería pensar, nin nos seus mellores soños, que Pontevedra podería chegar a ser unha referencia mundial. Fomos quen de facelo.

Aproveitemos a fondo o que xa temos, pero sigamos, avancemos, aproveitemos esta oportunidade única que se nos presenta e da que nos fixemos merecentes.

Discurso de Lores no acto de celebración do Premio ONU-Habitat