O catastrazo está a provocar situacións dramáticas en Soutomaior

manu lourenzo-1-2, SOUTOMAIOR
Manu Lourenzo
O catastrazo está a provocar situacións dramáticas en Soutomaior

As veciñas e veciños de Soutomaior están a recibir nestas semanas os recibos do Imposto de Bens Inmobles. Uns recibos que este ano incorporan o incremento derivado da regularización catastral que o Partido Popular levou adiante no concello de Soutomaior. 

Son centos as familias de todo o concello que ven como o recibo da contribución deste ano se dispara, acadando cifras desorbitadas para as economías familiares en moitos casos.  Estas subas no imposto obedecen, en ocasións, á incorporación de edificacións como galpóns ou galiñeiros no recibo da contribución, de maneira que os veciños teñen que tributar por eles como se se tratase de bens inmobles. E a esta suba, xa de por si inxusta, hai que engadir que os recibos chegan en ocasións con efectos retroactivos, polo a factura contén o importe da suma dos últimos catro anos. 

As subas no imposto obedecen, en ocasións, á incorporación de edificacións como galpóns ou galiñeiros como bens inmobles

Neste sentido o voceiro municipal do BNG Manu Lourenzo sinalaba  que "hai ducias  de familias que nos comunican que non poden facer fronte a esta situación, que non teñen diñeiro para pagar este imposto do PP xa que o catastrazo chega ademais co inicio do curso, nun momento no que as economías familiares están baixo mínimos.  Hai familias que pasan de pagar 60 a 300 euros e algún veciño nos comunica que a pesar de estar parados todos os membros da familia teñen que pagar en torno aos mil euros en concepto de atrasos".

Así mesmo, o responsábel local do BNG, Diego Moreira, sinalaba que hai máis de un ano que o BNG informou aos veciños barrio por barrio, pero o PP fixo caso omiso. Tivemos que escoitar mesmo como nos chamaban alarmistas pero unha vez máis, o tempo, tristemente, dános a razón. E dánola ademais non momento no que os nosos veciños  xuntan os cartos para pagar o catastrazo  namentres  ven na televisión o espectáculo de fraude e corrupción do PP e da trama Gurtel.  

O BNG xa denunciou hai máis dun ano unha situación que se vía vir, e que o tempo se encargou darnos a razón

“A pesar de que  o goberno de Agustín Reguera dixo en campaña electoral que non ía subir os impostos, vemos o que aconteceu finalmente. Vemos como o alcalde cambiou a ordenanza municipal para subir o IBI un 33% hai un ano e agora vemos tamén como os veciños teñen que pagar contribución ata por un galpón para gardar leña”,  sinalaba Manu Lourenzo ao tempo que esixía ao goberno municipal que informe aos veciños das posibilidades que existen.  “Xa que obrigan aos veciños a pagar por isto que polo menos informen de que é posible fraccionar pagos ou mesmo que se poden habilitar axudas ás familias.  Non pode ser que coa situación que están a pasar moitos veciños no grupo de goberno do PP estean agachados e sen dicir nin pío desta situación”.

O catastrazo está a provocar situacións dramáticas en Soutomaior