Carme da Silva levará como prioridade ao Congreso a mellora da seguranza viaria das estradas estatais na comarca

19-10-30-reunión segurznza viaria
reunión seguranza viaria
Carme da Silva levará como prioridade ao Congreso a mellora da seguranza viaria das estradas estatais na comarca

A cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, comprometeuse nun encontro con representantes orgánicos, veciñais e de asociacións de nais e pais de concellos como Pontevedra, Caldas, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Pontecesures, Soutomaior, ou Barro a que o Bloque Nacionalista Galego levará ao Congreso tras o 10N as iniciativas parlamentares necesarias para mellorar “de maneira real” a seguranza viaria das estradas estatais que pasan pola comarca e por toda a provincia de Pontevedra.

Segundo asegurou, as vías competencia do Estado que atravesan a comarca (N-550, N-640, N-541…), sobre todo nos núcleos de poboación, teñen importantes problemas estruturais xa que non son axeitadas nin para as persoas nin para a circulación rodada. “É unha evidencia”, dixo, para destacar que en liñas xerais todas precisan de melloras en interseccións, ter tratamento de rúa e reducir velocidades nos núcleos máis poboados, seguindo un modelo que xa se sabe que funciona, o do BNG, que está a ser recoñecido internacionalmente e tamén modelo para a DXT.

As estradas estatais a día de hoxe, segundo explicou, manteñen a súa tipoloxía de “buscar un tráfico rápido” en todos os seus treitos. “Son travesías enormemente inseguras para circular as persoas polo modelo de asentamentos territoriais en Galiza pola súa dispersión poboacional”, destacou Da Silva.

“Estamos a falar da vida das persoas, de evitar lesións importantes, porque as altas velocidades teñen consecuencias lesivas. E non se pode falar de accidentes, porque cando se coñecen as solucións –cambiar as tipoloxías da estrada e baixar velocidades- o único que hai é neglixencia por parte das administracións que non as aplican”, destacou.

A cabeza de lista do BNG apostou por darlle a volta á situación e deixar de ser a provincia cos seguros máis altos do Estado pola súa alta sinistralidade. Indicou que a solución que debe adoptar o Ministerio de Fomento non é colocar carteis para advertir de treitos da alta concentración de accidentes, senón resolver o problema de raíz e tomar medidas estruturais que cambien as características da vía, algo que non está a facer agora.

Así, subliñou que o BNG presentará todas as iniciativas parlamentares necesarias para adecuar cada un dos problemas específicos de seguranza viaria que haxa en cada zona e en cada concello. “Falta unha adaptación á realidade desas vías”, subliñou, “e o investimento que hai que realizar para corrixir todos eses problemas tampouco supón un esforzo orzamentario tan grande para as arcas estatais”.

Urxe mellorar interseccións, dar tratamentos de rúa e reducir velocidades cando as vías atravesan zonas poboadas

“Explicou que o tránsito e a situación da N-640 e da N-550 en Caldas de Reis “é terrible”, e apostou por melloras inminentes. Tamén subliñou a necesidade de espazos peonís seguros na N-550 en Pontecesures, Barro, e Soutomaior, onde se reclama así mesmo dúas rotondas.

En canto a Cotobade, fixo referencia aos problemas na N-541 ao seu paso polos núcleos de Calvelo e Viascón e ás súas necesidades: dotar de seguridade viaria real a Calvelo colocando unha pasarela peonil que una as dúas partes do núcleo, engadindo un vial de incorporación no PK 84 dirección Ourense, urbanizar o entorno da marquesiña dirección Ourense e incorporar unha vía ciclista e peonil entre o PK 84 e Río Tenorio dirección Ourense; así como a anular definitivamente o proxecto de ensanche da N-541 ao seu paso por Viascón que divide o núcleo.

No referente a Cuntis, demandarase a mellora nas interseccións da N-640 con a EP-8401 en Meira e en Novas Portel; pasos de peóns no Portodegómez á altura da gardería infantil e na conexión co lugar de Vilar; mellorar a seguridade nos accesos as parroquias de Arcos de Furcos, Piñeiro e Portela; e a construcción de dobre carril no Castro Loureiro para facilitar a circulación da gran cantidade de tráfico pesado.

No encontro con Carme da Silva participaron cargos orgánicos do BNG e dos diferentes concellos, asociacións e federacións veciñais (como Castelao, de Pontevedra, entre outras), ou representantes de ANPAS (como a do CPI Alfonso VII ou do IES de Soutomaior).

 

Carme da Silva levará como prioridade ao Congreso a mellora da seguranza viaria das estradas estatais na comarca