O CAMPUS UNIVERSATIRO SÚMASE Á COMPOSTAXE

Campañó inaugura os composteiros comunitarios no rural

Composteiro comunitario de Campañó
Campañó inaugura os composteiros comunitarios no rural

O Concello de Pontevedra vén de poñer en marcha o primeiro composteiro comunitario do rural. Está no lugar de Cabaleiro, en Campañó, e está pensado para atender aos grandes produtores desta zona da parroquia, onde se sitúan varios restaurantes, un hotel, un viveiro e o propio cemiterio. Está situado ao carón do parque infantil e da pista polideportiva de Cabaleiro.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores acudiu á visita xunto coa tenente de alcalde e concelleira da xestión dos residuos, Carme da Silva, e a concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña, acompañados do técnico provincial Carlos Pérez xa que este composteiro comunitario forma parte do Plan Revitaliza de Deputación de Pontevedra.

Na visita estiveron en compañía de veciños e veciñas do lugar así como dos responsables dos negocios (grandes produtores de residuos orgánicos) e do mestre composteiro que se encargará do tratamento deste compost. Estará cada día, de luns a vernes, a partir das 16.00 horas no composteiro para informar e resolver as dúbidas que poidan ter os veciños.

Ao igual que en Monte Porreiro, a Deputación instalou unha illa de composteiros (seis módulos) para realizar os distintos tratamentos do compost, ademais dun habitáculo de madeira para gardar o estruturante.

Cabe lembrar que debido á demanda dos veciños, o Concello solicitará á Deputación unha nova illa de composteiros comunitarios para o barrio de Monte Porreiro. Na actualidade están instalados 18 módulos na praza de Europa, e as rúas Italia e Alemaña. O seguinte estará na rúa Grecia.

Composteiro no campus

Logo da visita a Campañó, a concelleira Carme da Silva trasladouse ao campus universitario onde mantivo unha reunión co vicerreitor do campus, José Manuel Corbacho, á que tamén se sumou o técnico de residuos da Deputación, Carlos Pérez para buscar a mellor situación para o composteiro comunitario que tamén se instalará no campus. 

Xunto con técnicos universitarios expertos na xestión do medio e responsables das concexionarias de comedor do campus, acordaron a instalación dun composteiro de 10 módulos -en principio- nunha zona verde entre as facultades de Ciencias Sociais e de Fisioterapia. E nos vindeiros días, haberá contactos entre os técnicos municipais e os da Universidade para facer as medicións pertinentes para a instalación da base.

Está previsto que a Universidade faga a achega necesaria do estruturante procedente das podas das árbores do campus, e que empregue o compost para os xardíns universitarios.

O composteiro comunitario universitario encaixa perfectamente no proxecto de excelencia de campus verde que ten en marcha a Universidade de Vigo en Pontevedra, tal e como se encargou de recordar o vicerreitor José Manuel Corbacho. Ademais, a Escola de Forestais está a realizar distintos estudos sobre o compost e será o departamento de Edafoloxía da mesma escola a encargada de facer os estudos sobre o emprego do compost para a recuperación de solos, ratificado na sinatura do convenio entre o Concello, a Deputación e a Universidade de Vigo.

Campañó inaugura os composteiros comunitarios no rural