O BNG esixelle ao goberno de Caldas a sinatura inmediata do convenio coa USC para que Fernando Cobo analice a auga da traída.

20-06-10-Bará-Caldas 1
O BNG esixelle ao goberno de Caldas a sinatura inmediata do convenio coa USC para que Fernando Cobo analice a auga da traída.

Caldas, 15 de xuño de 2020. Logo da aprobación definitiva do orzamento municipal do Concello de Caldas para o exercicio 2020, non hai ningún obstáculo que poida impedir a sinatura inmediata do convenio coa USC para que a Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, dirixida polo prestixioso Fernando Cobo, realice o estudo comprometido no pacto para a aprobación dos orzamentos.

Este estudo, permitirá coñecer a incidencia das cianobacterias e cianotoxinas no proceso de potabilización da auga que chega aos fogares das veciñas e veciños de Caldas. Un asunto que preocupa moito aos caldenses e sobre o que a Xunta do PP sempre tentou botar terra para evadir calquera responsabilidade.

Dende o BNG consideramos este asunto como unha prioridade absoluta, pois as veciñas e veciños de Caldas merecen absoluta transparencia, máis aínda cando estamos a falar da auga que chega ás nosas billas e coa que estamos en contacto cada día, polo que non debemos perder nin un só día máis para rematar coa falta de transparencia e as mentiras manifestas da Xunta do PP neste asunto.

A recuperación do Umia, comprometida polo deputado e cabeza de lista provincial do BNG ás vindeiras eleccións galegas, Luís Bará, é a única solución definitiva para resolver o problema de raíz. Pois por todos e todas é sabido que as cianobacterias e cianotoxinas do Umia teñen a súa orixe na contaminación provocada polo encoro do Umia, algo que nin a Xunta nin a franquicia local do PP se negaron nunca a negar.

“As veciñas e veciños de Caldas non merecen agardar un día máis do necesario para coñecer a verdade sobre a calidade da auga que está chegando aos seus fogares, máis aínda cando hai analíticas que xa están a alertar da presenza de cianobacterias no encoro” afirmou Manuel Fariña, portavoz municipal do BNG.

O BNG esixelle ao goberno de Caldas a sinatura inmediata do convenio coa USC para que Fernando Cobo analice a auga da traída.