O BNG aposta pola liberación da peaxe Saiar-Carracedo

Peaxe AP9 Caldas
Peaxe AP9 Caldas
O BNG aposta pola liberación da peaxe Saiar-Carracedo

Caldas de Reis padece a día de hoxe unha densidade de tráfico absolutamente desmesurada e inadmisible no seu casco urbano, que provoca gravísimos problemas de seguranza viaria e ten un efecto tremendamente prexudicial sobre a calidade de vida, a seguridade e a saúde das veciñas e veciños.

O espazo público ten que ser para as persoas, e en ningún caso se pode permitir que o tráfico continuado de camións pesados polo núcleo da vila poña en constante perigo a seguridade dos peóns, pois estes camións remontan continuamente as beirarrúas, supoñen un perigo máis que evidente nos pasos de peóns e incluso teñen chocado con algún edificio provocando a caída de cascallos.

Ademais, a elevadísima densidade de tráfico, e a excesiva velocidade á que circulan os vehículos privados en lugares como os entornos escolares ou as inmediacións do Campo de Fútbol das Corticeiras (ao que acoden diariamente ducias de cativos a adestrar) provocan continuos episodios dunha extrema violencia viaria.

A proposta do BNG pasa pola liberalización da peaxe da AP-9 no tramo Saiar (km 110)- Carracedo (km104), que actualmente supón un desembolso de 1,35€ para un camión que percorre este traxecto de apenas 6km. Esta liberalización permitiría desviar o tráfico pesado á autoestrada, reducíndose, dun xeito significativo, a densidade de tráfico que circula polas rúas caldenses, co conseguinte incremento da calidade de vida das nosas veciñas e veciños.

A altísima densidade do tráfico no casco urbano de Caldas, especialmente o tráfico pesado, prexudica moitísimo a calidade de vida das veciñas e veciños, e no BNG consideramos absolutamente imprescindible liberar desta pesada carga as nosas rúas. É un problema especialmente grave se temos en conta que toda esa intensidade de tráfico pasa pola porta dos tres centros educativos de Primaria situados no centro de Caldas.

A falta de liderado político, ideas e proxectos do goberno do PSOE de Caldas non fixeron máis que empeorar nos últimos anos un problema que xa ven de vello, e que o goberno municipal nunca se atreveu a afrontar con valentía, como así demostra o feito de que este tramo sexa un dos poucos, senón o único en toda Galiza no que hai que pagar unha peaxe por un tramo que discorre por un único concello.

O BNG aposta pola liberación da peaxe Saiar-Carracedo